Opinión

Cantar contra as prohibicións

Prohibido para as mulleres estudar na universidade, pola súa falta de intelixencia e “indixencia espiritual”; prohibido tamén estudar secundaria, para elas é abondo co que aprenden até os dez anos. Prohibido ensinar a escribir ás nenas de primaria, con ler xa lles chega. Prohibido vender ou mercar ou viaxar ao estranxeiro sen a “licenza marital”, é dicir sen permiso do marido. Prohibido vestir con pantalón. Prohibido fumar. Prohibido bailar. Prohibido votar. Prohibido decidir se queren ter fillos e cando. Prohibido saír á rúa coa cabeza descuberta, deben levar un pano ou veo. Prohibido mostrarse en público co rostro descuberto. Prohibido conducir. Prohibido cantar nun coro a partir dos 12 anos.

As prohibicións sobre o que podemos ou non podemos facer as mulleres son innumerábeis. Todas as relacionadas arriba son reais, estiveron en vigor até hai menos do que a xente pensa. No estado español o acceso das mulleres á secundaria –que comezaba aos 10 anos– só foi aprobado en 1910, no mesmo decreto que á universidade, sendo Emilia Pardo Bazán Conselleira de Instrución Pública. A licenza marital derrogouse en 1975. As últimas da lista aínda rexen en países como Arabia Saudí, Irán ou Afganistán. Só a loita das mulleres permitiu acabar con elas, aínda non en todos os países.

Afganistán é un dos países onde, debido ao fanatismo relixioso, a educación das rapazas ten máis atrancos. Hai máis de dous millóns de nenas sen escolarizar, son o 60% da infancia á que non chega o sistema educativo, sobre todo nas áreas controladas polos talibáns, que chegan a destruír escolas. En Afganistán a mobilización das mulleres acadou nestes días unha vitoria para os dereitos das nenas. Mobilizáronse cantando. Hai no país unha tradición de coros escolares e o Ministerio de Educación prohibiu cantar neles ás rapazas a partir dos 12 anos. Esta prohibición lembra un relato de Emilia Pardo Bazán, “Delincuente honrado”, no que un pai prohibe cantar á filla e, ao non obedecer ela, mátaa apelando á “honra”. No fondo o que se está negando é o dereito das mulleres ao pracer. A loita das mulleres, co nome de Ma'arif (educación) levouse a cabo por medio de vídeos, colgados nas redes sociais, nos que cantaban cancións da súa infancia, criticando que non lles fose permitido cantar ás rapazas. Finalmente o goberno acabou cedendo. As nenas poden cantar. Aprendemos das mulleres afgás a cantar para acabar coas prohibicións.

Comentarios