Opinión

Auga ou xurros?

Auga, vida; auga, beleza; auga, paisaxe; auga, saúde.

Que somos senón auga? Auga, terra, lume e aire, os catro elementos na filosofía presocrática, e Tales de Mileto consideraba a auga como o principio de todas as cousas. Aínda que hoxe as ciencias non chaman "elemento" á auga, si recoñecen que mulleres e homes, como todo ser vivo, somos tres cuartas partes de auga e unha de todo o demais. A auga fai posible a vida. A beleza da auga que flúe nun río, nun rego, nas ondas do mar, suscita emoción: "Aquí fonte, alí regato / i a iaugua brila antre as herbas", canta Rosalía. O acougo no murmurio das fontes. A auga define a paisaxe, os canóns do Sil son o corazón da Ribeira Sacra, nova reserva da biosfera galega e, se muda a política ambiental, talvez patrimonio da humanidade. A auga é patrimonio común, segundo a Carta Europea da auga: "Alterar a calidade da auga é prexudicar a vida dos seres humanos e dos outros seres vivos". A auga potábel e o saneamento foron recoñecidos pola ONU como dereitos humanos esenciais. Sen auga limpa non hai acceso á saúde, segundo a Unicef cada día morren 4.000 criaturas por esta razón, e máis do 40% da poboación mundial carece de saneamento.

A auga é un recurso ameazado, a sobre-explotación dos acuíferos e a contaminación son dimensións do deterioro do planeta que tan claramente diagnosticaba onte Fernando Arrizado en Nós Diario. En países onde se puxo en práctica o experimento neoliberal, como o Chile de Pinochet, os recursos naturais son entregados ás empresas. Moitas das loitas chilenas dos últimos anos, como as das Mulleres en zonas de sacrificio, teñen por obxectivo recuperar a auga dos ríos ameazada ou usurpada pola minaría ou as industrias contaminantes. E Galicia? Existe a idea de termos auga abonda, a auga é unha das nosas riquezas. Tamén en Galicia a forza da auga foi posta ao servizo de intereses empresariais nos encoros. Nestes días a subministración de auga a Compostela, Ames e Brión, estivo ameazada por un vertido ao Tambre de 200 000 litros de xurros dunha granxa de porcos de Trazo. Como tantas cuestións ambientais, hai conflitos entre atender ao ambiente e os intereses económicos: cómpre protexer as pequenas granxas, mais está claro que en Galicia non precisamos un millón de porcos, a meirande parte son –ou eran– exportados a China; como tampouco precisamos 69 000 visóns. As augas, subterráneas ou as dos ríos son un tesouro a defender.

Comentarios