Opinión

Auga negada ou afirmada

"Negación da áuga" é o título do primeiro texto –literario, non de ciencias– que publiquei en galego, a principios dos 80 na revista Nó da AELG; pode lerse na súa web. Escrito en segunda persoa, diríxome a un alumno preguntándolle por que chamaba "mal tempo" á chuvia, no que eu entendía, e sigo entendendo, como negar a auga, tomar parámetros alleos para medir os pulsos do entorno: "Mal tempo o tempo en que se nega o propio, sexa lingua ou auga". Anticipaba os tempos en que un meteorólogo toleirón anunciase "espléndidas chuvias para toda Galiza... un perfecto bo tempo". Eses tempos aínda non chegaron e hai quen segue considerando "bo tempo" a seca e a calor abafante que esmagan Galiza nestes meses. Incluso un meteorólogo como Damián Insua, falando con Nós Diario sobre a vaga de calor deste verán, a súa relación co quecemento global, a seca e o risco de incendios, acaba afirmando que mesmo se podemos ter "algún día fresco ou incluso con chuvias [pero] en xeral debería ser un bo verán".

Os nomes importan e os adxectivos tamén, ningunha linguaxe é inocente, que dicía Benedetti. Pensamos con nomes e, se asociamos a chuvia cun acontecemento negativo, non nos preocupará que este pasado inverno fose o máis seco en Galiza desde 2012, ou que levemos seis meses, desde febreiro, en pre-alerta por seca. Necesitamos auga para a agricultura, o cultivo dos alimentos, algunhas industrias que a utilizan intensivamente, os usos domésticos. Non necesitamos auga –potábel, como toda a que sae polas billas– para lavar o coche, nin para encher as piscinas privadas, nin para regar as rúas; podemos prescindir das duchas nos areais. O turismo aumenta a presión sobre o abastecemento, como recoñeceu a propia directora de Augas de Galiza, Teresa Gutiérrez. Unha razón máis a favor dun plan para a sustentabilidade do turismo.

A auga é un tesouro, a beleza do mar, dunha lagoa, de pequenos ríos confórtanos, o son da auga cura o desacougo. Rosalía recoñéceo "Como chove miudiño / como miudiño chove". Xente doutros países asómbrase ao beber auga da billa. Afirmar a auga é coidar dese tesouro, non estragar o monte baleirando o aceite do motor, evitar a interrupción dos cursos de auga con estradas inútiles, seguir as indicacións dos concellos. Actuar a favor do ambiente, aforrar auga no canto de desbaldila, leva a conflitos co noso estilo de vida, mais a auga ben merece ese esforzo. Auga afirmada: a chuvia é bo tempo.

Comentarios