Opinión

Arde o planeta

Cunhas ás que o seu pai Dédalo fabricara unindo con cera plumas de paxaros recollidas na fiestra da cela, Ícaro emprendeu o voo, escapando do cárcere no que o rei Minos o fechara xunto ao pai. Ícaro, segundo Ovidio, gozou do seu atrevido voo, porén achegouse demasiado ao sol e ao se derreter a cera, as ás desfixéronse e o mozo precipitouse ao mar.

Así o planeta Terra, que leva a humanidade nun voo a través dos meteoros, sobre unhas fráxiles ás. O achegamento ao sol, que ameaza con converter a Terra nun inferno inhabitábel non é debido á fuxida do tirano, nin á afouteza dun adolescente, senón á cobiza, a gobernantes que atenden máis aos intereses das grandes empresas que aos da cidadanía. Durante décadas o pensamento e o discurso dominante cualificaron de “catastrofismo” as recomendacións que desde 1972 advirten dos riscos para o ambiente do modelo de crecemento e, especificamente, do quecemento global. Fixeron oídos xordos ao “catastrofismo", escollendo dirixirse á catástrofe.

O 9 de agosto, algo escurecido por outras catástrofes, a crise de Afganistán e a COVID, o IPCC, Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático, fixo público o seu 6º informe, que debería resultar nunha resposta inmediata. Os datos recollidos nel informe trazan un futuro sombrío. As cativas medidas acordadas en sucesivos cumios do clima, para alén de non ser seguidas por todos os países, son insuficientes. Cando unha persoa se desangra a solución non é unha tira de esparadrapo; cando arde un monte o incendio non se apaga cun vaso de auga.

Se o que arde, segundo o IPCC, é o planeta, a solución sería un cambio radical de modelo, redución drástica de emprego de combustíbeis fósiles, redución do uso de enerxía –non unicamente mudanza a fontes renovábeis–, dar prioridade á preservación da auga potábel sobre a agricultura e gandería intensivas. Adoita prestarse máis atención ao quecemento: como indica o informe cada unha das últimas catro décadas foi máis quente que ningunha década precedente desde 1850. Porén hai outras consecuencias, diminución dos glaciares –dos que depende o subministro de auga doce en moitos países–, o xeo ártico descallando, aumento do nivel do mar, ondas de calor, secas. Agresións ao planeta que afectan de forma desigual a uns e outros países. O sistema é prexudicial para o ambiente, e tamén inxusto. Hai danos irreversíbeis, outros poden evitarse con accións. Se arde o planeta, arderemos nós.

Comentarios