Opinión

Arde o monte

Invoco: Carballeda de Valdeorras, Sobredo, Pobra do Brollón, Eiriz, Alixo, Seceda, San Xusto, Veiga de Cascallá, O Barco, Folgoso do Courel. Aloumiño os nomes na lingua, mollo co cuspe onde non chegou a auga: Vilar, Santa Eufemia, Val da Seara, Oímbra, Ferreirós, Vilamor, Pradoalbar, Vilariño de Conso. A veciñanza, heroica, apagando o lume coas mans. A loita é desigual. Arrepían números que non podemos concibir: canto traballo de xeracións, canto amor pola terra ardeu en trinta mil hectáreas? Carballos e castiñeiros resistindo, cercados polas teas de eucalipto. Fume e cinza.

Agardamos polo contaxio coa Covid, a varíola? Non agardamos, sería unha estratexia suicida, vacinámonos. A palabra que non se pode esquecer: prevención. Por que agardar pois a maio e xuño para publicar as subvencións que permiten contratar as brigadas municipais? Como poden sobrevivir os forestais con contratos precarios ou traballando medio ano? Como é posíbel que este ano se contraten menos que o pasado?

Nos virulentos incendios que arrasan Galicia combínanse distintas causas, mais unha delas é o quecemento global. Chamémolo así, quecemento, porque falar de "cambio" pode agochar o modo en que a humanidade estraga o planeta, levándoo a un punto sen retorno. A calor extrema causa lumes no monte. Causa tamén mortes nas vilas e cidades. Cada día sabemos dun traballador máis –varredor, repartidor de propaganda– morto a causa dun golpe de calor. A súa temperatura corporal, 42,9 graos, pouco compatíbel coa vida. En Europa contámolos por ducias, mais en Qatar morreron máis de 6.500 traballadores nas obras de construción para o Mundial de Fútbol deste ano, a meirande parte debido á intensa calor. A media, desde que comezaron os traballos é de doce cada semana. Son inmigrantes de Bangladesh, Paquistán, India, Nepal ou Sri Lanka. Non se entende que os clubs de fútbol participen ignorando esta masacre.

En 1953 Ray Bradbury titulou a súa novela distópica na que os libros están prohibidos Farenheit 451, pola temperatura –233º en graos centígrados– á que arde o papel. Bradbury non anticipaba que o sistema capitalista incendiaría a Terra, convertendo un paraíso de soutos e fragas nun ermo. Porén, para os gobernantes non pode ser unha sorpresa, en 1972 o equipo dirixido por Donella Meadows publicou Os límites do crecemento, agora traducido ao galego. Coñecemos o diagnóstico desde hai cincuenta anos, é precisa a descarbonización.

Comentarios