luns 23/11/20

'Aramados' de Manuel García Gerpe

Moito camiño queda por percorrer na Memoria Histórica, moitos nomes galegos por recuperar. Morreron no exilio, mais algúns como Manuel García Gerpe, avogado de Ordes, político de Izquierda Republicana, deixáronnos un herdo de lembranzas. Para non esquecermos quen loitaron pola liberdade. García Gerpe escribiu en Aramados: Os meus nove meses polos campos de concentración de Francia, unha crónica da frustración dos exiliados ao non encontraren en Francia acubillo, nin material nin afectivo. Publicado en 1941 en Buenos Aires (Alambradas) pola Editorial Celta, un dos proxectos editoriais de Luís Seoane, autor da capa reproducida na edición en galego, ficou esquecido como tantas memorias deses anos. Foi o poeta Miro Villar quen alertou da súa existencia e suxeriu a publicación a Henrique Alvarellos. Miro é tamén autor da exquisita tradución ao galego.

É esta unha historia triste, dura. Comeza o once de febreiro de 1939, unha semana despois da caída de Barcelona, coa retirada republicana a través dos Pireneos e unha recepción que os trata con indiferenza ou receo, conducíndoos a unha pradaría enlamada na que non era posíbel deitarse á noite sen acordar enchoupado. As autoridades impedían a axuda por parte da veciñanza que simpatizaba coa causa da República. Máis adiante foron confinados no campo de internamento de Septfonds, onde permaneceu nove meses, até lograr embarcar cara á República Dominicana, e instalarse na Arxentina. Septfonds é, por certo, unha deturpación de Sèt-fonts, sete fontes, nome occitano do concello. En 1941 falábase de “campos de concentración”; desde a fin da guerra en 1945 distínguese entre estes e os de internamento, onde as mortes se producían por desleixo, frío, inanición. Por Septfonds pasou tamén nos mesmos días o meu tío Vicente Parra que despois sería enviado a Dachau. 

É este un libro necesario que, como Na brétema, Sant-Iago de Seoane, adopta a voz colectiva do exilio. Escribe Seoane: “Somos homes arrincados de súpeto das herdadas costumes/ que non teremos mais un verdadeiro fogar”.

Dedicou Manuel García Gerpe o seu limiar aos que continúan presos “loitando coa morte, tan desafiuzados, tan afastados e esquecidos do mundo como nos primeiros días do noso martirio” denunciando o que chama o egoísmo universal e os sinistros aramados. Palabras acaídas aos aramados que en 2020 encerran as persoas refuxiadas ás que os países europeos aplican ese universal egoísmo. 

comentarios