Opinión

Anne Brontë: a novela feminista

Hai douscentos anos, o 17 de xaneiro de 1820 naceu Anne Brontë. A súa obra foi durante décadas escurecida polo fulgor das novelas das súas irmás, Jane Eyre escrita por Charlotte, e Cumes borrascosos, por Emily, publicadas en 1847, igual que Agnes Grey, a primeira novela de Anne. Tamén porque algunhas das ideas que flúen nos seus libros resultaban radicais de máis para o seu tempo. Porén, desde a segunda metade do século pasado, a singularidade de obras como Agnes Grey e A moradora de Wildfell Hall está sendo recoñecida. Foi necesario recuperar as versións orixinais xa que, logo da súa prematura morte aos 29 anos, Charlotte impediu que Wildfell Hall, que cría demasiado dura e contraditoria coa imaxe da súa irmá, fose reeditada e, cando o foi –tras a morte de Charlotte– apareceu censurada, con moitas páxinas eliminadas. O libro, un éxito de vendas, foi considerado escandaloso, por narrar de forma realista a historia dunha muller, Helen Graham, que ten a afouteza de abandonar un marido alcohólico e de vida disipada, véndose obrigada a agocharse co seu fillo. Para alén do rexeitamento social, a lei inglesa non outorgaba existencia legal ás mulleres casadas, que até 1870 non podían comprar nin vender. Mesmo o diñeiro que Helen obtiña como pintora sería propiedade legal do seu marido. Tampouco en España, até 1972, podían as mulleres comerciar, obter o pasaporte ou nin sequera traballar sen o permiso do marido, a chamada “licenza marital”. Anne Brontë pon a súa atención sobre as mulleres sometidas aos maridos, sobre as rapazas que –como ela mesma aos 19 anos, como Charlotte, como Mary Wollstonecraft – debían marchar da casa e traballar de institutrices, unha das poucas formas aceptábeis de gañar a vida para mulleres pobres de clase media. Agnes Grey, sobre a vida dunha institutriz, ten trazos autobiográficos. Non nos deixemos enganar pola imaxinería social sobre as institutrices como encarnación da rixidez e a disciplina. Coitadas rapazas, lonxe da familia, lidando con nenos malcriados, cos pais ora acusándoas de falta de control, ora de ser duras coas nenas e nenos. Agnes Grey ten a singularidade de denunciar o maltrato dos animais. Nunha arrepiante escena –semellante a outra descrita no diario de Anne – Agnes mata uns paxaros para que non sexan torturados por Tom, un dos seus pupilos. A moradora de Wildfell Hall e Agnes Grey non están aínda traducidas ao galego, mais si ao portugués.

Comentarios