Opinión

Ana Peleteiro, xenes e ambiente

Sería moi doado, para os afeccionados ás explicacións simplistas, se todo dependese dos xenes, mais non é así.

Alegrámonos co éxito da ribeirense Ana Peleteiro nos xogos de Tokio. Merece parabéns pola medalla, polo seu compromiso con Galicia e a lingua galega e pola defensa dos valores da democracia contra o racismo. O racismo é unha posición ideolóxica ou un sistema que establece xerarquías entre diferentes grupos humanos. Estes adoitan ser chamados “razas”, malia non existir diferenzas substanciais, pois hai unha única especie humana. O triunfo de Ana Peleteiro, o podio das tres gañadoras, e en xeral os desempeños de atletismo das persoas con ascendencia africana fornecen unha oportunidade para reflexionar sobre a expresión dos xenes e criticar o determinismo, que é un dos fundamentos do racismo e do sexismo. É determinista pensar que todos os desempeños e características individuais, incluíndo intelixencia, logros académicos ou mesmo criminalidade son innatas, determinadas exclusivamente polos xenes.

Que suxire a imaxe do podio de triplo salto? Ouro, Yulimar Rojas, Venezuela; prata, Patrícia Mbengani Mamona, Portugal; bronce, Ana Peleteiro. As tres con ascendencia africana. Non é unha excepción, os gañadores masculinos dos 100 m lisos, desde Carl Lewis en 1984 pasando por Usain Bolt en tres ocasións, a Lamont Jacobs en 2021, comparten esta ascendencia. Significa isto que as vitorias son debidas aos xenes? En parte si: as pernas das persoas desta ascendencia son máis longas en relación coa súa altura, e xa que logo mellores pancas de impulsión; en segundo lugar inflúe a presenza de determinados alelos dos xenes ACTN3, que produce a proteína alfa-actinina, mellorando a contracción rápida das fibras musculares, e do que produce a proteína ECA. Algúns nomes son raros, seino, desculpen o meu eu-bióloga, mais non hai sinónimos.

Se unha ollada superficial podería levar á conclusión de que esas vitorias se deben unicamente aos xenes, chega con rexistrar os países polos que compiten as atletas de triplo salto ou os velocistas, comprobar que ningún deles é de África. A expresión dos xenes depende das condicións ambientais, alimentación, saúde, bo adestramento. Malas novas para os racistas: non todo está nos xenes. Ana Peleteiro ten boas condicións de partida, e tamén inflúen o ambiente e por descontado o seu esforzo, a súa vontade. Boas novas para as súas admiradoras, entre as que me conto.

Comentarios