Opinión

Alcoa: a rapina

Desde a desaparición da Unión Soviética en 1991 intentaron convencernos de que non hai alternativa ao capitalismo, de que a loita de clases non ten sentido. Logo da catástrofe financeira de 2008 Sarkozy propuxo refundar o capitalismo sobre bases "morais" para non permitir os chamados "excesos".

Porén desde 2008 os excesos multiplicáronse. Ruína de países, afogados por imposicións económicas. Suba do prezo dos pisos, dos alugueiros; salarios que impiden levar unha vida digna e precariedade no emprego e aumento dos beneficios empresariais. Aínda bo que as reformas do goberno e a ministra Yolanda Díaz reduciron a temporalidade –ao tempo que se incrementa o emprego–.

Un trazo particularmente escandaloso é o das artimañas de que se valen as empresas para estafar os traballadores e traballadoras e o estado. Así Alcoa, no canto de ser mercada por unha empresa solvente para poñer de novo en marcha a produción de aluminio, caeu nas gadoupas de System Capital, fondo intermediario utilizado polo grupo Riesgo de Valencia. Esta semana o administrador de System Capital, Joachim Magin foi detido en Alemaña, acusado pola Audiencia Nacional de delitos tan graves como despatrimonialización fraudulenta, estafa agravada e apropiación indebida. É doado perderse nesta maraña, mais vou intentar traducir: roubo, saqueo de industrias, estafa aos traballadores. En resumo: capitalismo de rapina.

Non é certo que o capitalismo sexa o único sistema social posíbel: é necesaria unha regulación que coute a actividade dos fondos chamados voitres (aínda que as aves nunca se comportan dese modo). En momentos de crise, como despois da II Guerra Mundial, distintos países europeos nacionalizaron empresas básicas, electricidade, ferrocarrís, mesmo Inglaterra, nacionalizou a banca. Isto permitiu trinta anos de crecemento económico. Por que non agora? E a loita segue sendo necesaria.

Comentarios