Opinión

Albamar, a paixón

"O espadeiro! Acios mouros, cepas tortas / follas verdes, douradas e vermellas, / gala nas terras vivas de Castrelo". Marabilloume Xurxo Alba, o dinámico adegueiro de Albamar, citando este poema de Ramón Cabanillas en Da terra asoballada. Porén, nada ten de estraño, estando situadas as adegas de orixe familiar na aldea do Adro, Castrelo, nas "terras vivas" de Cabanillas.

Os adegueiros que, como Xurxo, están revolucionando os viños galegos nas últimas décadas son quen de plantar bacelos, de podar, de botar un capio ás cepas con vimbios, de explicar as intricadas rutas da fermentación maloláctica responsábel do que os enólogos chaman a untuosidade de certos viños, de escoller fermosos nomes galegos para eles como "Ceibo" (Godello), "Nai" (Mencía), "Pai" (Albariño), "O Esteiro" (Espadeiro) ou "Ancestral", un sorprendente Albariño espumoso, ou de citar poemas.

Sobre todo de traballar os viñedos e o viño con paixón. Recuperan modos de facer ancestrais, fiando unicamente aos lévedos silvestres os procesos de fermentación. A paixón é necesaria, a poesía é un ingrediente substancial, mais quen producen viños en Galicia saben que o seu futuro está na exportación. Igual que outras adegas, Albamar exporta a metade do seu viño ao estranxeiro, sobre todo a Suecia e aos Estados Unidos.

A DO Rías Baixas exporta a cuarta parte da produción, e o conxunto das exportacións do viño galego aumentaron case o 25% no ano 2021, malia a pandemia, o Brexit, os aranceis de Trump e outros atrancos. O futuro é poñer en valor o campo galego, e nese camiño é precisa a simplificación dos trámites para as axudas. Así remata o poema de Cabanillas: "Ouh, espadeiro amante! Ouh, roxo e quente / sangue do corazón da nosa terra! / Acende os corazóns dos apoucados! / prende lume nas almas, viño celta!". Sexa.

Comentarios