Opinión

Acougo nas librarías

En tempos de desacougo sempre encontramos refuxio nas librarías. Son illas que acollen a quen sobreviviron a naufraxios de toda caste, nelas abrollan fontes nas que saciar a sede de literatura. As librarías, sobre todo as pequenas librarías independentes, resisten as acometidas das grandes multinacionais –sexan editoras ou plataformas de venda– que tratan os libros como mercancías, non moi diferentes de salchichas ou teléfonos móbiles.

Estas illas, estes oasis de libros, desafían a ditadura das chamadas "novidades", que concibe os libros como produtos da moda, na que os pantalóns-mallas dun ano son substituídos por patas de elefante o seguinte, e non podemos vestir de lila se este ano o que se leva é o laranxa. A primeira semana de marzo, nun encontro na libraría Nollegiu de Barcelona, que ten unha extensa sección de libros e mais un club de lectura en galego, o libreiro Xavi Vidal afirmaba que non tiña unha mesa con "novidades" e cando alguén preguntaba por que, respondía que ollando só o recentemente publicado non se lería a Dostoievski.

Explicaba así a súa atención á edición (en castelán) en 2022 de Lobos nas illas, publicado orixinalmente en 1996. Visito as librarías para mercar libros, mais tamén para pasear entre libros como paseo entre árbores, para ulir a tinta, o papel novo e o vello. As de Compostela como Couceiro, a Lila de Lilith, Numax, as de Coruña, Lume, Moito conto, Berbiriana; Librouro en Vigo, a libraría Paz de Pontevedra, a Antonio Machado en Madrid e outras con nomes que poderían ser títulos de novelas: Letras Corsarias de Salamanca, na que estarei proximamente, Traficantes de Sueños en Madrid, La Irreductible de Lleida, Cálamo de Zaragoza, Anónima de Huesca ou La Vorágine de Santander. Escribimos, mais sen o traballo editorial, sen librarías que os aloumiñen, sen xente que os lea, serían só manuscritos. Coidemos as librarías!

Comentarios