Opinión

Ácido contra as mulleres

A violencia contra as mulleres adopta moitas formas, entre outras, física, social, simbólica. A máis extrema é o asasinato, o feminicidio ou mullericidio, palabra proposta por Emilia Pardo Bazán, que criticaba eufemismos como “crimes pasionais”. 

O brutal ataque con ácido a dúas mozas do martes 12 en Málaga apenas é un punto menos que asasinato. Esta agresión non é un caso único, próbao a existencia da asociación internacional, Acid Survivors Trust International, que desde 2002 traballa en axudar ás persoas atacadas, mulleres no 80% dos casos, a refacer as súas vidas, así como na educación e mesmo na introdución de leis específicas nalgúns países. O número é moi alto, só en Londres 1.464 ataques entre 2011 e 2016. Non vou detallar os danos que resultan de botarlle ácido a unha persoa, porén van moito máis alá de queimar e destruír a pel, poden desfacer ósos e sobre todo cartilaxes como os das orellas e o nariz. A perda da vista nun ou nos dous ollos é un dos máis frecuentes. Neste artigo pretendo comentar, por unha banda, unha especificidade destes ataques, dirixidos a estragar a beleza das mulleres, pola outra a súa orixe nas estruturas patriarcais.

Hai moitas agresións a mulleres que, sen chegar a ese grao de violencia dos ataques con ácido, teñen por obxecto símbolos da súa sexualidade ou pretenden desfiguralas. Así coa cabeleira, desde turrar dela a rapalas, como fixeron os fascistas coas “roxas”. Son tamén exemplos cortar unha orella ou acoitelar o rostro. Silenciar a voz das mulleres é outro dos obxectivos e non estou falando só en termos simbólicos. Até o século XIX utilizouse en distintos países europeos, sobre todo no Reino Unido, un bozo de ferro cunha peza para suxeitar a lingua, chamado “bozo de rosmona” (scold's bridle), instrumento de tortura, ilegal, mais empregado para humillar as mulleres para as que, en moitos casos, fungar era unha das poucas formas de expresar a súa rebeldía. A fera domada de Shakespeare refírese a el.

Con cada nova agresión hai voces que sitúan a causa en determinadas condicións do agresor. Mais o problema da violencia contra as mulleres é estrutural e, como sinalara Emilia Pardo Bazán hai máis de cen anos, un dos seus esteos é a consideración de que os homes son donos das mulleres. É preciso pois mudar as estruturas, transformar esa ideoloxía para que ningún home se sinta autorizado a botar ácido sobre a noiva que o deixou.

Comentarios