Opinión

Achraf Hakimi e a danza do fútbol

Achraf Hakimi ía danzando polo campo cos outros dez bailaríns vestidos de vermello e verde e do outro lado cruzábase con eles un corpo de baile en azul e branco. Gustaríame que se contemplase o fútbol como unha coreografía, no canto de entendelo como guerra entre dous exércitos inimigos. Se pensásemos nel como un deporte coa súa estética, un fermoso espectáculo executado por homes ou mulleres de portentosa destreza, se o puidésemos ver como un xogo, no sentido máis literal da palabra, unha actividade humana que ten por obxectivo a diversión, crebaríamos o marco de enfrontamento que parece arremedar batallas outrora máis sanguentas. Claro que, para esta proposta miña se converter en realidade, sobran outras dimensións de negocios, de compra e venda de xogadores como se se tratase de gando, de corrupcións argalladas desde palcos, de fraudes no pago dos impostos que terman da sanidade e a educación públicas.

Recoñezo non ter maior interese no fútbol, non ser seareira de ningún equipo e carecer por completo desa fidelidade –ou chauvinismo– que leva á veciñanza dunha cidade a afirmar contra toda evidencia que o seu é o equipo mellor do mundo. Se hai quen ten un xogo superior, cómpre aceptalo. Foi a casualidade dunha celebración familiar a que me fixo presenciar o célebre gol de Hakimi.

O que si me resulta interesante é a ledicia nas celebracións de persoas, denominadas "marroquís" pola prensa, en moitas cidades, como Ribeira, acompañadas por non-marroquís. Digo denominadas porque parte delas, probablemente, naceron en Arteixo, en Getafe como o propio Hakimi, ou en Badalona. Unha ledicia á que non se mesturou ningún dos "disturbios" que algúns medios anticipaban. Coitados xornais! Non lles quedou outro remedio que titular que os marroquís "bombardeaban con foguetes unha rúa de Sevilla", unha forma moi imaxinativa de describir fogos artificiais. Festas tranquilas, en contraste cos incidentes en varias cidades de Bélxica cando o equipo marroquí eliminou o belga. Aínda debéndose as diferenzas a causas complexas, pódese apuntar que en España hai unha meirande integración. Malia as discriminacións, malia existir racismo e xenofobia, a percepción das comunidades de migrantes é que encontran un alto grao de acollida. Mellor integración necesitaremos, pois no futuro haberá máis migrantes. No entanto é urxente que Europa revise unha política que deixa o Mediterráneo sementado de cadáveres.

Comentarios