Opinión

A troita armada

A sociedade compostelá A troita armada celebra os seus (primeiros) vinte e cinco anos de vida. Se a Troita ten un sinal de identidade –talvez teña máis dun– é o pluralismo, a diversidade. Como di o seu manifesto fundacional “A Troita pretende, mediante a insubmisión a este marco alienante que fai da comida un rancho, e do individuo un recruta, impor o protagonismo da sociedade civil. As súas armas son o garfo e a culler para construír unha nova orde social-gastronómica.” Esta sociedade cultural-gastronómica ten un precedente en Itaca, asociación xuvenil xurdida nos 90, hibridada cos obxectores e insubmisos ao servizo militar obrigatorio, até a desaparición deste en 2001. A palabra clave é sociedade civil, tan necesitada en Galicia de articulación propia; ademais do asociacionismo de inspiración partidaria, precísanse movementos nos que o protagonismo corresponda á sociedade. Ben di Martiño Noriega, no libro que marca os 25 anos, que a Troita é un lugar de irmandade, un espazo amábel onde se acubilla a ausencia de sectarismo.

A Troita non agocha que a súa inspiración son os Txocos, as sociedades gastronómicas do País Vasco, onde socios e socias –a presenza de mulleres aínda non é aceptada en todas– se reúnen para cociñar e comer. Algo que en Galicia sempre causou envexa. Un comando da Troita foi quen de localizar no Bierzo e transportar a Compostela uns fogóns estreados na Expo de Sevilla. A retranca é un terceiro elemento do xenuíno espírito da Troita. O seu nome remite a uns momentos en que a pretensión de mudar a sociedade de forma violenta estaba xa sendo abandonada. Irónico tamén é o título do volume conmemorativo que veñen de editar: A troita continúa. Un libro fermosamente editado, con textos de Quico Lourenzo Penela, Encarna Otero, Pepe Sendón, Pepa Faraldo e Bieito Iglesias, entre outros.

As actividades da Troita son de amplo espectro, desde itinerarios para coñecer Santas Mariñas ou a Ribeira Sacra ás Difuntazas de Santos; desde obradoiros de pan para os troitalevíns a mesas redondas sobre cuestións tan espiñentas como a xudicialización da política e a politización da xustiza. Diversas, mais todas as celebradas no local do Pombal 18 acaban cunha cea. E que ceas exquisitas! Pois entre os cociñeiros da Troita hainos tan excelentes como Paco Manrique, e calquera das súas leccións prácticas é unha delicia para os sentidos. Longa vida á Troita e oxalá agromen moitas máis!

Comentarios