Opinión

A furia dos cometas

Vai furia nos cabalos dos cometas. Tomo prestado este hendecasílabo de Xela Arias, escrito en 1983, para describir o tempo devastador no que vivimos. A furia do planeta revolvéndose contra o maltrato ao que o sometemos os seres humanos. Son unha persoa optimista, adoito ver os vasos medio cheos, mais o vaso da Terra reborda de inxustiza, desleixo, cobiza. A humanidade despreza os estudos que, desde 1972, no informe Os límites do crecemento, veñen advertindo de que o modelo de sociedade non é sustentable. En palabras máis claras, que imos cara ao colapso do planeta. O informe, por encargo do Club de Roma, foi elaborado no MIT baixo a dirección de Donella Meadows. Concluía que durante o vindeiro século aumentaría a temperatura, se esgotarían recursos renovábeis, e a degradación do ambiente acadaría cotas insoportábeis.

Tamén alertaba sobre problemas sociais, o aumento da pobreza no medio da abundancia, a perda de confianza nas institucións, o crecemento urbano incontrolado. Cando en 1981 publicamos Xilbarbeira, o primeiro texto de Ciencias en galego, citamos este informe o que causou non poucas críticas e acusacións de sermos catastrofistas. Por certo que a publicación de Xilbarbeira foi unha autoedición, logo de botarse atrás a editorial que o encargara, debido ao frustrado golpe de Tejero; imprimímolo en Gráficas Zenith, a imprenta de Armando Sáez na rúa Churruca de Vigo, que durante a ditadura imprimía panfletos clandestinos.

Infortunadamente as predicións do informe cumpríronse. O quecemento é unha realidade, malia haber xente que o negue, por estar ao servizo de intereses económicos máis que por descoñecemento; glaciares e polos descallan, medra a seca. A rapina alcanza nestes días a auga, comprada e vendida na bolsa. Cincuenta anos despois, as virólogas de Wuhan, os informes de organismos como o da IPBES (Plataforma Intergubernamental sobre Biodiversidade e Ecosistemas) feito público o 19 de novembro de 2020, advirten de que a COVID-19 ten a súa orixe na degradación dos ecosistemas, ao forzar o contacto entre a vida silvestre, o gando amoreado en empresas de cría intensiva, os microorganismos patóxenos e as persoas. Apúntanse tamén solucións que implican cambios, en estilos de vida –deixando de desbaldir enerxía, comendo menos carne–, e en lexislacións. Sacrificios, vai ter un custo. Iso ou, segue Xela, agardar pola “gargallada informe”. Se somos capaces de mudar, hai esperanza.

Comentarios