Opinión

A folla en branco

A historia que vai máis fondo, a máis doce e a máis cruel, ensínanos Isak Dinesen, é a que conta a páxina en branco. O berro que resoa máis alto, a acción que require máis afouteza é termar, nas rúas de Moscova ou de San Petersburgo, dunha folla de papel en branco. Mulleres e homes erguendo, contra a invasión de Ucraína levada a cabo polo seu país, unha folla na que nada está escrito, na que precisamente por iso é posíbel ler todo. É máis difícil, require un exercicio do pensamento e a acción críticos, levantarte contra o teu propio país, mesmo sabendo que as manifestantes rusas protestan contra Putin, non contra Rusia.

A represión, o encarceramento de que fai obxecto a ditadura de Putin as persoas que erguen follas en branco lembra as da ditadura franquista, polo que teñen de suposición das intencións, do pensamento dos disidentes. En 1968, na facultade de filosofía e letras –agora de Historia– da USC, o bedel Zabala, que exercía labores de policía, reprendía ao meu compañeiro Ramón López Facal, que contemplaba o oco das escaleiras desde arriba: “Señor Facal, no piense usted eso que está pensando”. Saben ou cren saber os ditadores o que pensa, o que quere dicir a opositora, a resistente. Temen as palabras, o pensamento, pois as palabras chegan máis alá das bombas ou as balas, perduran no tempo. Putin, máis que a consigna “Non á guerra”, teme unha palabra: “guerra”. Esta é a palabra nas pancartas da pintora Yelena Osipova –dunha familia sobrevivente do cerco de Leningrado, aínda que nacida despois–, na voz e mensaxes de Nadezhda Tolokónnikova, a fundadora de Pussy Riot, que pasou dous anos encarcerada por se opoñer a Putin, e agora ergue o “No pasarán” que conecta Kiev co Madrid asediado, no cartaz co que a xornalista Marina Ovsyannikova irrompeu en directo nun programa de televisión, deses chamados “informativos”, mais que desinforman. “Non creas a propaganda, están mentindo”, líase no cartaz. Pois, como todos os invasores guiados por delirios imperiais, Putin afirma non estar invadindo Ucraína, senón “liberando” o país.

Como as columnas que algúns xornais deixaban en branco cando a censura franquista obrigaba a retirar un artigo –lembremos unha vez máis que Camilo José Cela foi un deses censores–, estas follas en branco dan testemuña dun relato que, de ser escrito, talvez non collería nelas. Nesa páxina en branco, escribe Dinesen, falará o silencio, máis alto que os gritos.

Comentarios