Opinión

8-M Querémolo todo

No 8 de marzo querémolo todo, e querémolo todos os días.

Queremos a felicidade compartida, tan cara á filosofía dos pobos nativos americanos. Compartir felicidade é a nosa aspiración, para nosoutras e para a xente que nos importa. Resistiremos aos que pretenden impoñernos outros fins, fins que se mercan e se venden, sexa con cartos ou con outros prezos que non estamos dispostas a pagar.

Queremos o coñecemento compartido, que nos foi negado ás mulleres –e aos pobres–, que aínda é negado ás nosas irmás en gran número de países. O coñecemento foinos negado non de modo inconsciente ou por rutina, senón de forma deliberada: as mulleres –debate en 1892, citado por Narciso De Gabriel– deben ser excluídas de toda actividade intelectual que "supoña un gasto enorme de enerxía vital" por ser o exercicio da razón incompatible cos seus deberes naturais como nai e esposa, "a xestación e aleitar os seus fillos".

Queremos ser donas dos nosos corpos, que se nos recoñeza o dereito ao pracer, a decidir con quen e cando ter sexo, se ter fillas e fillos ou non, cantos, cando.

Queremos que se recoñezan os nosos logros, o froito dos nosos empeños, e coñecer o acadado por outras mulleres antes ca nós, tirando as capas de po e esquecemento baixo as que estiveron ocultas.

Somos a metade e queremos a metade de todo. Non nos chega cun par de mulleres de mostra.

Queremos varrer as asimetrías, que non se espere de nosoutras que tomemos máis deberes, que mostremos máis xenerosidade. Que non se nos fagan preguntas dando por suposto que todas as mulleres –músicas, escritoras, pintoras– son idénticas. Cada unha de nosoutras somos unha individualidade.

Queremos camiñar soas polo monte, polos areais, polas rúas de vilas e cidades, de día, de noite, sen temor a seren asaltadas por quen consideran as mulleres presas. Entregarnos ao canto á danza, amodiño ou freneticamente. Querémolo todo.

Comentarios