Opinión

8-M: Iguais deberes, non máis

As mulleres teñen iguais deberes que os homes, non máis. As feministas reclamamos todos os dereitos. Iguais dereitos mais, o que ás veces é esquecido, iguais deberes.

Porén, segundo a ideoloxía patriarcal, mulleres e homes posúen distinta natureza, sendo asignados ás mulleres uns supostos “deberes naturais” que non se atribúen aos homes.

A apelación á natureza e ao natural pretende situar estas cuestións nun nivel xerarquicamente superior, subtraelos á análise crítica: que pode haber por riba do “natural”? Durante moitas décadas, no marco dos debates sobre o dereito das mulleres á educación, negábase este co argumento de que os deberes “naturais” das mulleres, a maternidade, a crianza, a familia, eran incompatíbeis co estudo e a actividade intelectual que roubaría enerxías para o verdadeiramente importante, ser esposa e nai.

Con tales escusas negábase o dereito das rapazas a estudar. É coñecido que ás mulleres non lles foi permitido seguir estudos nas universidades –excepto cunha autorización especial do decano– até 1910. Saben as lectoras e lectores de Nós Diario que son persoas informadas desde cando poden estudar secundaria as rapazas? Moita xente cre que desde mediados do século XIX, mais non é así, é o mesmo decreto de 1910 o que ás autoriza a estudar nos institutos o bacharelato elemental que comezaba aos 10 anos.

Segundo o profesor Narciso de Gabriel, no curso 1900–1901 había en todo o estado español 9 mozas estudando nas universidades e 44 rapazas en secundaria. Na miña opinión cando se di que as mulleres estamos peor que antes ou que imos cara atrás é por descoñecemento. Temos que celebrar o que acadou a loita feminista.

As mobilizacións do 8 de marzo seguen sendo necesarias porque aínda hai mullericidios, o machismo arrebata a vida a mulleres, a última en Galicia Cristina N. T. asasinada en Oza, porque existe a fenda salarial e falta camiño por percorrer. E os deberes? Continúa vixente unha representación social que atribúe ás mulleres máis deberes, o coidado das criaturas, de doentes, de anciáns. É tan forte esta idea, está tan difundida ambientalmente que moitas mulleres seguen crendo que son elas quen deben tomar os coidados sobre si, sentíndose culpábeis se dedican parte do seu tempo e as súas enerxías ao que Emilia Pardo Bazán chamou seguir o seu propio destino. As ideoloxías son máis difíciles de mudar que as leis. Son unha néboa pegañenta que non é doado desfacer.

Comentarios