Opinión

Un 155 para Fernando o Católico

Grande parte da historia que nos ensinaron consiste nunha colección de mitos, cando non andrómenas, que teñen por obxectivo crear unha determinada imaxe ao servizo do poder, que é quen escribe a Historia, as historias. Un caso paradoxal é o de Fernando II de Aragón, chamado o Rei Católico, presentado, xunto con Isabel, como artífice da unidade de España, cando ao contrario, intentou unha secesión. Aínda que isto non adoita contarse, nos séculos XV e XVI o significado de “España” era meramente xeográfico, equivalente á península ibérica. O concepto político de España como nación –como o doutras nacións– non xorde até o XVIII, e mesmo no XIX Isabel II definíase como raíña “das Españas”. Hernando del Pulgar, na súa crónica en 1490, dá conta de como Isabel e Fernando determinaron non adoptar o título de reis de España, senón “rei e raíña” dos reinos de Castela, León, Aragón, Sicilia, Toledo, Valencia, Galicia, Mallorca, Sevilla, Cerdeña, Córdoba, Córsega, Murcia, Xaén, o Algarve, Alxeciras e Xibraltar, así como conde e condesa de Barcelona. Mais Fernando, para alén de non pretender a unidade de España, despois da morte de Isabel en 1504, puxo todo o seu empeño en separar Aragón de Castela, a través de manobras para impedir que a súa filla Xoana I e Felipe o Fermoso herdasen a coroa de Aragón. Para iso casou de novo, aos 53 anos, cunha rapaza de 18, Xermana de Foix, coa intención de ter un herdeiro. Porén tiveron un único fillo, Xoán, destinado a converterse en rei de Aragón, que morreu ás poucas horas de nacer. Despois disto, Xermana non volveu quedar preñada –até as súas relacións anos máis tarde con Carlos V, o que é outra historia–, malia os intentos de Fernando. Segundo parece, este tomaba grandes doses dunha beberaxe considerada afrodisíaca, aínda que era máis ben un vasodilatador, preparada con po de cantáride, o que puido causarlle a morte. En resumo, de ter logrado o seu propósito, Aragón esgallaríase de Castela. Fernando II foi pois un secesionista ao que podería ser aplicado retroactivamente o artigo 155. Merecer, merecía moitas máis condenacións pola forma en que conspirou, contra Xoana de Trastámara, herdeira do reino de Castela, e contra a súa propia filla Xoana I de Castela, á que fixo pasar por tola, recluíndoa en Tordesillas durante 46 anos. Ademais das expulsións de xudeus e mouriscos, traizoando as capitulacións asinadas con Boabdil. Algúns mitos máis por desescribir.

Comentarios