Opinión

150 anos de Rosa Luxemburgo

"Ás veces paréceme que non son en absoluto un ser humano, senón un paxaro ou besta con forma humana” escríbelle desde o cárcere Rosa Luxemburgo a Sophie Liebknecht en maio de 1917. O 5 de marzo celebramos o 150 aniversario do nacemento da revolucionaria, feminista, teórica, pacifista, Rozalia Luksemburg, en Polonia –daquela baixo o dominio do Imperio Ruso– en 1871. Pensadora profunda, brillante oradora, de independencia insobornábel, foi das primeiras en criticar a revolución bolxevique, a burocratización, afirmando que ditadura do proletariado era un modo de aplicar a democracia, non a súa eliminación. Contaba con todos os atrancos posíbeis, eivada, de familia xudía, muller, estranxeira en Alemaña; malia esas condicións chegou a ser a dirixente máis carismática do Partido Social Demócrata Alemán. A súa oposición á Primeira Guerra Mundial, que o SPD apoiaba, ao considerala unha guerra imperialista, levouna a abandonar o partido e fundar, xunto con Clara Zetkin e Karl Liebknecht, a Liga Espartaquista. Debido a esta oposición foi encarcerada en dúas ocasións, permanecendo presa a meirande parte da guerra, saíndo en novembro de 1918, tres días antes do armisticio. No cárcere escribiu tanto traballos teóricos, como cartas que testemuñan a preocupación polos compañeiros encarcerados, a identificación cos animais, con calquera ser que sufríaa. Na prisión chorou ao contemplar como os gardas batían nun búfalo, que tiña unha expresión “como unha criatura que chora”. Outro día encontrou unha bolboreta encerrada entre os cristais dunha fiestra, liberouna e conseguiu revivila, até que volveu voar.

Aínda considerando errado o levantamento espartaquista, chegou a apoialo. O 15 de xaneiro de 1919 Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht foron capturados polos freikorps, grupo paramilitar de extrema dereita, seguindo ordes do gobernante SPD. Torturados e asasinados, o corpo de Rosa foi guindado ao Landwehrkanal no Tiergarten berlinés. Meses máis tarde, en maio foi recuperado un corpo do canal, identificado como o da revolucionaria, e soterrado nunha tumba que recibe milleiros de visitas cada ano. En 2009 o achado nun hospital de Berlín dun cadáver sen identificar, mais que por ter as dúas pernas de distinta lonxitude semellaba máis o dela, orixinou unha controversia. Descoñecemos se o que está na tumba son os seus restos físicos, mais temos o seu legado: “A liberdade é sempre a liberdade dos disidentes”.

Comentarios