Opinión

No 66 cabodano de Castelao

O xoves 7 de xaneiro terá lugar un acto de homenaxe a Castelao no 66 cabodano do seu pasamento, pero non en Galicia

O xoves 7 de xaneiro terá lugar un acto de homenaxe a Castelao no 66 cabodano do seu pasamento, pero non en Galicia. Coma cada ano por estas datas, farase en Bos Aires, na praza que está entre Bernardo de Irigoyen e avenida Independencia, ás 19.30, organizada pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Como de costume, os dirixentes da colectividade galega local, encabezados polo titular da Federación, Francisco Lores Mascato, e os seus convidados, farán unha sentida homenaxe ao dirixente considerado o Pai da Patria Galega, que morreu no Centro Galego de Bos Aires nunha habitación que se conservou tal e como estaba cando el a ocupou, e que foi obxecto de veneración pola galeguidade.

Castelao foi enterrado naquel xaneiro de 1950 no Panteón da Federación, no Cemiterio de Chacarita, e alí se mantivo e recibía a homenaxe anual, ata o ano 1984, cando os seus restos foron repatriados a Galicia. A cidadanía da Galicia exterior sempre se laiou daquela perda, pero iso xa é Historia. Porén, a súa presenza na memoria colectiva dos galego-arxentinos está tremendamente viva.

Eu non sei se son nacionalista, se son galeguista, se simplemente amo a Galicia, ou que... o que si sei é que me botei a chorar, chantada diante do cadro

Na miña etapa á fronte da primeira Delegación da Xunta en Bos Aires tiven algunhas experiencias que sempre me acompañan. Unha delas, e moi importante, aconteceu na primeira visita ao Centro Galicia no que se conserva unha inmensa pintura que replica a estampa de Castelao: "A derradeira lección do mestre". Eu non sei se son nacionalista, se son galeguista, se simplemente amo a Galicia, ou que... o que si sei é que me botei a chorar, chantada diante do cadro, e a directiva do Centro, asustada, pensou que me atopaba mal. Expliqueilles que era unha emoción que saía de dentro das tripas e que eu mesma descoñecía que poidese sentir. Hoxe, dous días antes do cabodano dese pasamento que lembran cada 7 de xaneiro en Bos Aires, teño vívida no meu peito a mesma emoción e un aquel de bágoas quere agromar nos meus ollos. A miña familia paterna procede dunha bisbarra luguesa na que os mestres republicáns foron terriblemente represaliados, nomeadamente os da familia Rico, en Baleira. A súa historia téñoa moi presente porque me foi contada de primeira man por un dos seus alumnos, o meu pai, Xesús Porteiro Fernández, e porque a coñecín documentadamente no libro que lles adicou o meu admirado amigo, Xosé Manuel Sarille. Se cadra, a memoria xenética anda a rebulir máis do que pensamos.

A habitación do Centro Galego na que morreu Castelao, ten un futuro incerto como incerto é o futuro do propio Centro Galego logo da desgracia que o asola

Alén de anécdotas persoais, traio isto a colación por tres motivos. O primeiro, para lle dar honor a quen honor ofrece. Son os galegos "de fóra" quen manteñen viva a memoria e o legado, persoal e histórico, que Castelao lles deixou. O segundo, porque a habitación do Centro Galego na que morreu, ten un futuro incerto como incerto é o futuro do propio Centro Galego logo da desgracia que o asola. E terceiro, porque agora se comenta na nosa colectividade de alá, que queren traer para Galicia o citado cadro "A derradeira lección do mestre" con grande disgusto para quen o conservou e o mantivo como memoria viva. Se alguén quere facer unha trepanación na cabeza das galegas e dos galegos de Arxentina, aviado vai. Galicia non ten fronteiras físicas e quen fixeron o que fixeron, teñen ben gañado o dereito a conservar perto de si, aquilo que amorosamente souberon coidar.

Viva, por sempre, a nosa memoria histórica. É de todas e de todos, vivan onde vivan, pero sobre de todo, hai que recoñecer o esforzo do seu mantemento, da súa permanente investigación, da súa non renuncia, que nos ensinan co seu exempo os que están alá...

Tomemos nota, nestes días de lembranza do Pai da Patria Galega.

Comentarios