Opinión

Millet, Amorós, Agra, Queizán: si!

O cristianismo asegura que a Humanidade foi expulsada do Edén pola insolencia dunha muller que quixo probar o froito prohibido da árbore da ciencia. Afoutada e curiosa, trabou no que podía ser unha mazá e faltou tempo para que nos pecharan o paraíso. Castigo exemplar: querer saber foi a causa de todos os males que nos aflixen. Un semellante ánimo xusticiero está a inspirar a decisión de pasar a segundo plano a filosofía, e, polo que parece, as humanidades en xeral, nos plans de estudo deses primeiros anos de formación que marcan a personalidade, as crenzas, os valores e os comportamentos que nos acompañan toda a vida.

Alén do saudable exercicio da dúbida, o pensamento filosófico fornece de recursos para forxar un criterio propio. Algo que agora semella perder o tempo, recurso inútil para esta sociedade que alenta a mudar o cerebro por un smartphone. As futuras cabezas baleiras non racharán por mor das humanidades, da ética ou da nefasta manía de pensar e poderán vivir coma os autómatas que describira Huxley nun mundo feliz, empastillados de soma ata as cellas, de botellón en botellón, sen faros, guías, estímulos nin modelos de crecemento persoal, intelectual e social.

Alén do saudable exercicio da dúbida, o pensamento filosófico fornece de recursos para forxar un criterio propio

 

Estamos ante unha decisión propia de iluminados, teimosos na cruzada de procurarlles motivos para a felicidade -asociada á ignorancia-, a tantas criaturas que estudan sen saber por que e para que. Cada ano saen das facultades milleiros de mozas e mozos que rematan o seu paso polas aulas comprobando a fatídica premonición de que se converterían en cifras anónimas nas estatísticas do desemprego. Dese paro que se fai máis intenso e irremediable en quen procuran o seu primeiro traballo. Claro que se non son conscientes das inxustizas, tampouco se mobilizarán contra delas.

 

Como herdeira daquela muller que nos mandou comer nas hortas da sabedoría, animo a non deixar pasar esta arbitrariedade coma se tal cousa. Cómpre tomar conciencia da importancia que terá o mal tratamento deste saber nos plans de estudo e, se desde o feminismo viñamos vindicando o seu recoñecemento como corrente filosófica, agora teremos de redoblar esforzos para que non se corte a árbore matricial da filosofía. O que se nos vén é unha calamidade completa, pero aínda confío na forza da intelixencia e na lexitimidade da aspiración de podermos estudar a Kate Millet, Celia Amorós, María Xosé Queizán, María Xosé Agra e tantos centos de autoras e autores que nos axudan a pensar, a abrir os ollos e a procurar camiños. De feito, hai ideas que levantan o ánimo e xeran esperanza, como a do colectivo Filosofía si que conseguiu presentar unha iniciativa popular no Parlamento de Galicia apoiada por máis de 8.200 sinaturas, a miña entre elas. 

Grazas -moitas- ao profesorado que a promoveu. Estamos con vós.

Comentarios