Opinión

Testamento vital

Precisamos afectos, sementar as raiceiras da confianza e a nobreza das xenerosidades. Sementar auténticos afectos que xeren emocións  en espiral, sandar os feridos corpos, aliviar a dor das nosas mentes  ateigadas de corazas. Precisamos libertar os propios sentimentos: os  persoais e os colectivos.

Precisamos afectos, sementar as raiceiras da confianza e a nobreza das xenerosidades. Sementar auténticos afectos que xeren emocións  en espiral, sandar os feridos corpos, aliviar a dor das nosas mentes  ateigadas de corazas. Precisamos libertar os propios sentimentos: os  persoais e os colectivos.

"Mañá é hoxe, compañeir@s de fatigas, recompoñedoras do mundo, o futuro técese no presente. O empeño transformador ten sentido, a patria  ten sentido, a soberanía do humano ten sentido".

Tecer redes de confianza e de colaboración, habilitar vellas e novas pontes de diálogo, aplicar coñecementos e ideas ao terreo do cotidián, do día a día. Sentir a fraternidade  para liberármonos das cadeas do individualismo, da desconfianza, da incomprensión cara o que nos aproxima e nos une. 

Cómprenos unha solidaria psicoterapia en rede ante tanta desolación propia e allea que nos afasta do máis prezado ben: o ben común, o compartido. Tamén cómpre que distribuamos en xenerosa desmesura o que é de tod@s, o maior tesouro que temos para afrontar este complicado mundo, enrevesado e complexo, que en nós deitaron os poderosos, @s abandeirad@s da corrupción, @s demoledores do esforzo e da esperanza. 

Mañá é hoxe, compañeir@s de fatigas, recompoñedoras do mundo, o futuro técese no presente. O empeño transformador ten sentido, a patria  ten sentido, a soberanía do humano ten sentido.

A codicia dos mercados, o estrago dos recursos públicos, a desfeita do tecido social, a desconfianza no valor libertador da política, a demolición dos recursos políticos que sosteñen a pel dos débiles…,  só serven para dar renda solta ao programa político d@s ditadores da opinión, d@s envelenadores da terra, d@s  patrocinadores da apatía, mais carecen do sentido do humano, son fins en si mesmos que esquecen os obxectivos e valores humanos máis simples e sinxelos, os nobres obxectivos do que é digno, básico e imprescindíbel. 

"Vivirmos  dignamente é o noso maior testamento  vital. Non toleres a existencia de guerras e demais confrontacións ás que non lle poidas por un fin, un punto e final, un límite".

Todo iso que nunca deberamos esquecer, non o esquezamos.

Coida de ti mem@ mais sen descoidares a pel d@ outr@, do estranxeiro, da estranxeira. Non baleires o mundo de mellores  ideais nin das universais esixencias do compromiso ético. Defende sen medo os teus dereitos sen abandonares os dereitos das demais persoas.

Elíxete a ti sen abandonares ao teu pobo, confía no teu pobo e nas inequívocas capacidades e sentimentos que che brinda para amares aos demais pobos.

Non abandones a racionalidade do común, do cotidiano, desconfía do que resulte sempre doado e non requira esforzo, mesmo enfado ou raiba. As human@s de verdade somos falíbeis nalgúns aspectos, infalíbeis  noutros tantos, vulnerábeis e, á vez, invulnerabeis, tenr@s e tamén rud@s, variábeis, mais tamén  fix@s.  

Non aspires a quedarte cunha soa cara da mesma moeda, manexa as dúas con intelixente dilixencia e boa disposición. Fala e aprende a calar para escoitar, escoita e aprende a dicir, participa e déixate conmover co ben d@ outr@, abandona o exclusivismo do teu propio ben particular. Escolle con esmero e sensibilidade  as túas palabras de maneira que estas non servan  para acrecentar un mundo insolidario, inxusto e sen sentido. Vivirmos  dignamente é o noso maior testamento  vital. Non toleres a existencia de guerras e demais confrontacións ás que non lle poidas por un fin, un punto e final, un límite. Tras a propia morte só ficará de nós o recordo da bondade e da xenerosidade que lle brindásemos ao mundo. Lega en vida a túa a vida e non temas deixar aquilo que xa donaches.     
                                                                   

Comentarios