Opinión

Segregación educativa, máis unha vez? Non grazas!!

Segregación educativa imposta: as nenas a unha escola concertada de nenas e os nenos a unha escola, tamén pasto do saqueo, só para nenos. Volvemos ás andadas. Elas a estudar para servir nos “seus labores”, eles para dominar o mundo, as mercadorías e a outros homes.

Segregación educativa imposta: as nenas a unha escola concertada de nenas e os nenos a unha escola, tamén pasto do saqueo, só para nenos. Volvemos ás andadas. Elas a estudar para servir nos “seus labores”, eles para dominar o mundo, as mercadorías e a outros homes. Elas en casa para servir, eles na casa para as dirixir. Imposición do heterocentrismo para seguir segregando mulleres e homes, nenos e nenas dentro da casa, baixo a batuta dun flamante varón que non quixera pasar por menos ante a ollada dos outros varóns? 

"Elas a estudar para servir nos “seus labores”, eles para dominar o mundo, as mercadorías e a outros homes. Elas en casa para servir, eles na casa para as dirixir".

Non é novidade, é un auténtico revival franquista. Certo é que non todos foron cómplices da violencia segregadora dentro e fóra da casa. Certo é que houbo tamén audaces mulleres que enfrontaron a súa inxusta desigualdade de condicións e oportunidades e convenceron a moitos compañeiros seus e @s fill@s para non caer na trampa da segregación imposta polo conservadorismo franquista. Segregación que lles prohibía traballar por conta propia ou allea sen o consentemento do marido ou mesmo tentar  educar os fillos  e as fillas sen reproducir a dimorfía sexual imperante.

Foi así ata finais da década de 1970, cando o feminismo na Galiza e no Estado español puxo voz e luz a esta inxusta situación de avasallamento e colonización femininas. E as mozas e mozos puidemos estrear unha xuventude digna e un futuro diferente, non exento de contradicións  e moitos malentendidos. 
Ainda así, grazas a todas as que loitaron polo dereito a vivirmos dignamente e con dereitos civís e políticos recoñecidos á marxe do sexo, grazas  por loitardes polos dereitos da nosa mocidade: polo dereito ao divorcio, polo dereito a vivir sen violencia de xénero, sen violacións, chantaxes e medo dentro e fóra da casa, por condenares o terrorismo machista cando case ningún experto en materias xudiciais era quen de ollar de frente tales crimes, por denunciardes a dobre moral imperante tras o negocio da prostitución, por reivindicardes a dignidade persoal das prostitutas. 

Tamén por inculcarnos o dereito a estudar e traballarmos as mulleres por conta propia e por conta allea sen ter que pedir permiso nin paternal nin do Estado. Grazas, feministas, polo dereito a alugar ou mercar unha vivenda sen agardar o consentemento do pai ou do marido, polo dereito a disfrutarmos as mulleres da herdanza dos nosos ancestros e ancestras, polo dereito a poder escoller unha educación ética e laica, polo dereito a votar con conciencia e sabendo a quen non lle debemos nada de nada nestes asuntos, polo dereito ao aborto e a vivir libremente a nosa sexualidade, polo dereito a participar e colaborar nas transformacións da vida en sociedade e nas organizacións sociais e políticas. 

Grazas pola coeducación, que é a aposta pola construción dunha educación cidadá na que as persoas aprenden a convivir dentro das aulas nun clima de igualdade, ou melllor dito, con miras a construír ese proceso de igualdade de xéneros real e ainda pendente. 

"Grazas pola coeducación, que é a aposta pola construción dunha educación cidadá na que as persoas aprenden a convivir dentro das aulas nun clima de igualdade, ou melllor dito, con miras a construír ese proceso de igualdade de xéneros real e ainda pendente". 

Todo isto debémosllo ao feminismo, esa xenerosa forza social capaz de mover montañas de represión, de exclusión, de segregracións e de racismos. Por moi atraente que fose nalgún intre, mesmo para as feministas, a oportunidade de formar ás mulleres de forma segregada para inculcarnos valor, coñecemento e simplificar as cousas para avanzarmos no feminismo; a maioría das feministas escolleron a difícil senda da igualdade educativa e non sucumbiron ante o atallo- trampa da segregación educativa por sexos, tal como nos queren agora separar e redistribuir os políticos antifeministas e neoliberais que nos gobernan.

Esta dereita neoconservadora que, baixo o paraugas  da excelencia educativa, pretende volver a reconstruír aqueles impresionantes fogares de antano que tanto me recordan aos xa vividos na miña neneza, niños da discordia entre homes e mulleres, de vasalaxe e de apropiación da enerxía das mulleres para poñela ao servizo dos machistas e dos que, frustados por todo o que a igualdade representa a nivel intelectual e de progreso ético, claman pola volta do macho ibérico a dirixir e gobernar a casa, sen dar pau a auga, por suposto.

Cóstalles asumir o prezo da igualdade cando non triunfan bastos. Non renegan, e mellor que endexamais o fagan, nin do divorcio, pola conta que lles trouxo, malia as súas constantes reticencias e toda a resistencia machista que lle opuxeron, mesmo condeando á cadea ás feminsitas que por el loitaron, nin tan sequera o fan de facto coa lei de matrimonio homosexual- gai ou lésbico-ao que se opuxeron con todas as medidas legais, estilo Mariano e don PP, mais do que tampouco prescindiron nin prescinden, só pena de quedaren sen a feliz parella homosexual con quen conviven. Porén, tamén non  lles reprochamos as feministas que o sigan a  facer. Mais si esiximos coherencia e honestidade nestas cousas malia que, se lles vai mal, tamén poidan divorciarse e voltar casar de novo  aqueles que con tanto empeño quixeron, nos anos oitenta, prohibir o dereito ao divorcio. 

Ese inmenso espazo vital que o feminismo soubo abrir e que mesmo beneficia aos seus máis reticentes opositores. Nestas andamos e andaremos, a loita feminista tamén os fará máis libres, mesmo a aqueles que teiman en seguir agochándose no dobre fondo moral dos seus armarios. 

Comentarios