Opinión

Pasar pola vida sen facer ningunha aposta


Érache máis doado pasar pola vida sen facer ningunha aposta, ser muller e non querer máis que esa identidade de xénero, aceptar as heterodesignacións, que sexan outr@s quen digan como es e como tes que ser  e ti decires simplemente amén a todo. Érache ben máis cómodo deixarse levar polo que se agarda de ti, disfrutar da vida ti que podes por traballares como funcionaria pública, unha paga asegurada de por vida e a vivir que son dous días e, para quen non ten cargas familiares, xa se sabe, a vida é chá, mol, simple, etc …

Pois non será así. Reclamo, por feminista, o meu soberano dereito a reinventarme cada día, a fornecer de recursos a miña propia personalidade e a implicarme en todo canto asunto humano colectivo eu propia decida. Faltaría máis!!

Seguiremos construíndo asambleariamente as vías do futuro deste país, deste pobo que non se recoñece no espello do seu presente, que segue sen confiar nas súas  propias enerxías directrices e a negar a evidencia tanto das eivas como das súas potencialidades. Tempo de reflexionar, si, todo o país toda a xente que mora nesta nazón debe pensar máis e mellor, débeo  facer todos os días do ano e non só cando se terza unha cita electoral. 

Non entendo como case ninguén se revirou ante a inquedante  presenza omniabarcante dos supostamente novos partidos emerxentes

Na Galiza as eleccións non sempre se gañan ou se perden no tempo pautado  das campañas, sempre distribuído de forma desigual e mesmo inxusta. Non entendo como case ninguén se revirou ante a inquedante  presenza omniabarcante dos supostamente novos partidos emerxentes, léanse os que son e os que foron, a todos os que  tiveron neste días tanto premio a tanto descoñecemento e expectación polo que nun futuro poidesen chegar a lexislar. 

Pregúntome que pensarían todas as forzas que constantemente analizamos con bisturí sen deixalas expresarse!!  Curioso tamén o ascenso de forzas que teñen como directriz básica o mantra de non compareceren ante os medios, ou que o fan con absoluta  desidia política. Desidia que axiña se torna en ansia por recolleren o froito que cae como agasallo do ceo nas súas pechadas mans. Curioso tamén!! Non soltan aquilo que din non precisaren!!

As e os nacionalistas galeg@s saimos a gañar, malia que o pobo quen máis ordena siga con estrañamento e indiferencia as nosas propostas para lexislarmos doutro xeito o ben común, o colectivo. Doe que así sexa, mais seguiremos no empeño de dignificar a política galega, feita en Galiza  e por e para as persoas que apostamos polo futuro de tod@s. 

O que non imaxinabamos era que o derrotismo, a entrega á  propia anulación,  poidera, nesta ocasión, ser tan intensa

Que levabamos as de perder, con ou sen o aviso das cartas de navegación, de certo, moit@s o intuíamos, o que non imaxinabamos era que  o derrotismo, a entrega á  propia anulación,  poidera, nesta ocasión, ser tan intensa. Loitamos pola confluencia, sempre, por facermos unha autocrítica ponderada, tamén. O noso quefacer diario é unha loita sen tregua contra a resignación e asimilación as forzas antagónicas e hostís  á loita que este país leva facendo pola conquista da súa propia independencia. 

Non renunciamos  a nosa aposta soberana, por aí non iamos pasar. PODEMOS irá o seu, a conseguir a súas cotas de poder na xestión do Estado, poderá mudar algo o modelo, poderá deixar que algo máis de osíxeno chegue ao fondo da caverna; mais non ten como prioridade ideolóxica devolver os territorios aos seus lexítimos ocupantes, os que alí moran e coñecen as súas potencialidades e a idoneidade dos seus propios proxectos.

Moitos dos proxectos que habemos de implementar errarán, teremos de  transformarmolos  e corrixilos  e avalialos no  día a día. Mais desexamos que ese día chegue, faremos todo o posíbel por lograr que os nosos designios políticos sexan quen de lexislar esta nazón  e non pararemos ata levalos ás urnas. 

Comentarios