Opinión

Noela

Hoxe é un día fermoso, tan especial que enxendra en min valor e coraxe. Os mellores días son aqueles nos que o chan é seguro e nos poñemos en pé, con confianza, deixándonos conducir pola esperanza que está sempre aí, agochada entre as nubes, na beira solidaria que aportan as ideas sinxelas que foron postas en práctica con esmero e bo corazón.

Hoxe é un día fermoso, tan especial que enxendra en min valor e coraxe. Os mellores días son aqueles nos que o chan é seguro e nos poñemos en pé, con confianza, deixándonos conducir pola esperanza que está sempre aí, agochada entre as nubes, na beira solidaria que aportan as ideas sinxelas que foron postas en práctica con esmero e bo corazón. É por iso que me achego a estas páxinas para facer un balance, provisional, como a maioría deles, da importancia que teñen os nomes.

"Non será Noelia, non, é Noela. O nome escollido  para a  filla. E é que precisamos tantísimo do recoñecemento, da conciliación interna co propio país, que  calquera pequeno –grande xesto nos reconcilia co mundo enteiro!!!"

Pregúntome que é o que nos leva a amar de forma sinxela e intensa este país, que é o noso, que é a miña terra, a fonte do meu ser, a raíz de moitos dos nosos desvelos colectivos. Mais hoxe é un día singular por algo que ten a ver cunha pequena, recén nada, que se chamará Noela de agora en diante. Que naceu fóra dunha parte da súa raíz, que naceu en Madrid, mais que levará polo mundo adiante, fachendosa e consciente, o seu nome galego e o veludo azul dun pai andaluz comprometido tamén con Galiza e que foi quen de apostar pola pervivencia do legado cultural da súa compañeira  galega. 

Encantoume, así, sen ambigüidades, sen escusas. Como era de agardar, no rexistro civil de Madrid confundiron o nome, pensaban que a nena se chamaría Noelia, mais eles desfixeron axiña o equívoco. Non será Noelia, non, é Noela. O nome escollido  para a  filla. E é que precisamos tantísimo do recoñecemento, da conciliación interna co propio país, que  calquera pequeno –grande xesto nos reconcilia co mundo enteiro!!!

"Quero dar os parabéns a todas @s compatriotas que o son ata o extremo de lembrar sempre Galiza a través da vida das fillas e dos fillos". 

Claro que nada disto é gratuito, nada florece porque si, nin por pura espontaneidade. Nacer pódese nacer en calquera  lugar da Terra, o importante é saber que no teu nome levas unha herdanza milenaria de símbolos e historias que te conectan co mundo e cos valores éticos e sociais que tentan entregarche quen te acompañarán nel un longuísimo treito, como é de desexar. 

Por iso eu hoxe quero dar os parabéns a todas @s compatriotas que o son ata o extremo de lembrar sempre Galiza a través da vida das fillas e dos fillos. Pois son estes mil nomes en galego, que aínda comezan a abrollar, que se resisten á desgraza da desaparición, os que nun día non moi lonxano nos fagan confiar en nós como pobo con voz, con proxectos e con futuro.  Pois xa se sabe, só existe aquilo que é nomeado. Non nos poden calar e non nos poderán calar sen nomearnos. Longa vida aos nomes e ás vidas d@s criaturas galegas en galego. Longa vida a nosa lingua milenaria e ao noso, tamén milenario, pobo. Nas nosas mans está que os implantes artificiais non afoguen a luz dos nosos nomes. Porque tanto na Galiza, como fóra dela, é posible seguir querendo galego e arrombarmos con aprezo a propia casa. 

Comentarios