Opinión

O golpe de Franco

As persoas que viviron o golpe de Estado do 1936, en especial os durísimos anos 40 e 50 , en plena expansión dos resortes da colonización franquista, desposuídas de case todo: do benestar físico, psíquico, político e intelectual…  asistiron, sen case poder dar un chío, ao desmantelamento de todo o que as identificaba no seo da súa propia cultura. 


As persoas que viviron o golpe de Estado do 1936, en especial os durísimos anos 40 e 50 , en plena expansión dos resortes da colonización franquista, desposuídas de case todo: do benestar físico, psíquico, político e intelectual…  asistiron, sen case poder dar un chío, ao desmantelamento de todo o que as identificaba no seo da súa propia cultura. 

Moit@s desaprenderon a falar galego, catalán, euskera…  porque se lles inculcou iso de que a letra con sangue entra, e con tormentos da mente e disuasorios regretazos nas mans.

"Moit@s desaprenderon a falar galego, catalán, euskera…  porque se lles inculcou iso de que a letra con sangue entra, e con tormentos da mente e disuasorios regretazos nas mans".

As vítimas do franquismo asumiron, pura lei da sobrevivencia, o que se podía  ou non se podía facer, a legalidade franquista imposta. Anulada e petrificada polo terror, a cidadanía carece dunha real  vontade de participación e de enerxías para reaccionar ante a inmensa magnitude das atrocidades despachadas sen miramentos por un réxime que con tantos aliados contou e que, como é ben sabido, privou á poboación de case todo no nome da súa cínica  austeridade e da consabida épica franquista de liberar España do monstro con milleiros de cabezas expresado polo modelo económico  e os ideais dunha futura  sociedade tecida con principios, quer comunistas, quer anarquistas. 

A proeza épica do fascismo español e a defensa dun modelo de Estado feito a medida dos intereses da oligarquía capitalista española do momento, ben valía o ter que soportar o mal menor de facer fracasar o modelo republicano electo nas urnas no 1936 - onde o pobo falou porque os pobos tamén se pronunciaron e comezaron a manifestar as súas realidades nacionais-  e apandar cun golpe de Estado, seguido de 40 anos de ditadura  severa  e constantemente salpimentada con  doses de purísima represión. Represión que se cebou cos sobrevivintes na contenda e cos seus familiares e que levou ao exilio e á desaparición de tantos, tamén nenas e nenos aos que privou para sempre de nai, pai e familiares. O reparto dos bens sociais, naturais  e humanos  ficou así, durante moito tempo, reservado para o exclusivo uso e abuso das  privilexiadas familias sometidas de por vida aos designios e caprichos do ditador, mais cunha ampla marxe para realizar todo tipo de operacións e de negocios asegurados e garantidos polo único mérito de dobregarse ante as ordes do único deus-pai-lexislador que Franco representaba para elas. Todo controlado por dentro e os excedentes a facer divisas fóra.

Un pequeno malestar (fame, desnutrición e miseria mental e moral) - enfatizaban- pois liberada quedaba a España das poutas do peor dos inimigos: o diaño encarnado nos ideais do comunismo e do anarquismo e, de vez,  dos nacionalismos históricos que tanto teimaban en independizarse da gran proeza imperial do feixismo.

É  tan absurdo defendelos, entón e agora, como tentar imporlle as mulleres que deixen de darlle de comer @s fill@s para @s liberar definitivamente de futuros tormentos que imaxinarios  monstros lles poidesen chegar a producir. 

"Tivo a ousadía de matar e gobernar pola eficiencia do seu propio autoritarismo. E tirou, peito para adiante, acompañado por todos os seus seguidores e cómplices". 

Porén, así actou Franco, o gran devorador dos monstros que poboaban  na imaxinación da xente, quen  conseguiu o outo obxectivo de os implantar eficazmente na realidade e na súa delirante visión da vida. Deixar á xente con fame  e permanente malestar por naceren, por existiren, por seren diferentes, por pensaren nas antípodas do séquito dos elixidos, e sempre confortados, pola graza de Deus. Tivo a ousadía de matar e gobernar pola eficiencia do seu propio autoritarismo. E tirou, peito para adiante, acompañado por todos os seus seguidores e cómplices. 

Os golpistas só queren mortos anónimos, deitados nunha fosa común, sen nome e apelidos, sen ritos de condolencia por parte dos seus, sen testemuñas de vítimas ou vítimas que lles rebenten o tinglado. Nada que lles lembre a desfeita e a morte que causaron e tempo, moitísimo tempo, para facer que todo sexa esquecido como se nada do feito  acontecese en realidade, como se as vítimas fosen produto do imaxinario dos que desprezan o fascismo e non saben ver del máis que as súas vítimas. 

Era difícil sabotealos, golpear un sistema férreamente blindado desde fóra, máis houbo valentes que o intentaron de forma case permanente. Sabémolo malia o inmenso exercicio que o réxime fixo para desprogramar calquera resistencia, por mínima que esta fose. Nisto Franco tivo un tino milimétrico, e admitámolo, un moito de teatral. Foi  un asasino, mais un asasino útil, porque contiña o avance das alternativas ao sistema capitalista e non puña en cuestión o modelo de explotación mundial dominante. 

"O fascismo precisa amnesia, precisa desmemoria, evita todo o que poida levar aos reencontros, precisa entregarse en corpo e alma á ardua tarefa de falsificar os feitos"

O fascismo precisa amnesia, precisa desmemoria, evita todo o que poida levar aos reencontros, precisa entregarse en corpo e alma á ardua tarefa de falsificar os feitos, cambiando os referentes, confundindo de forma proverbial ao pobo que no fondo- eles saben-  sempre estará sedento de verdades. Se estas se resisten a emerxer, o deber do fascista é crealas, fabricalas en serie, e en serio, ata lograr moldear con elas a conciencia colectiva, e deixar pasar o tempo, para que xerminen definitivamente como o auténtico inconsciente colectivo acumulado pola historia: Nada foi, non pasou nada. Todo permanece oculto na mesta escuridade.

E logo darse tempo para esquecer a autoría dos feitos e sortear con éxito a rendición de contas, ata pensar que xa non se ten nin idea de quen realmente foron aqueles facedores  de mentiras que irrumpiron na historia simulando seren os lexítimos depositarios de  espléndidas verdades. 

Enganos  e mentiras fabricados para ocultar os feitos, para tapar os crimes e tamén para non ter que soportar que alguén lles recrimine nada. Pois é case lei histórica que ningún ditador aturou, nin atura, a fama de ter que selo para sempre.  Eis a outra cara do maxistral golpe do franquismo.

Comentarios