Opinión

Estouben (un)

[A luz repousa nos beizos d@ actuante. Ao  fondo, o fume dun lume sen apagar. Hidroavións zoan ao lonxe. O resto do escenario fica en penumbra. Caixas de cartón baleiras, plásticos e neumáticos en desuso cobren o chan. A voz proxéctase desafiante entre os refugallos.]

[A luz repousa nos beizos d@ actuante. Ao  fondo, o fume dun lume sen apagar. Hidroavións zoan ao lonxe. O resto do escenario fica en penumbra. Caixas de cartón baleiras, plásticos e neumáticos en desuso cobren o chan. A voz proxéctase desafiante entre os refugallos.]

ESCENA PRIMEIRA: INSTALANDO PROGRAMA. TOMA 1. 

"Estou ben. Nada me turba. Durmo sen soños. Os amos do mundo velan por min. Acougarei definitivamente en calqueira lugar recóndito, lonxe das incursións rebeldes que tanto os desvelan e preocupan".

Estou ben. Nada me turba. Durmo sen soños. Os amos do mundo velan por min. Acougarei definitivamente en calqueira lugar recóndito, lonxe das incursións rebeldes que tanto os desvelan e preocupan. Mesmo cando eu xa non exista, eles deberán seguir aí, recompoñendo milleiros de vegadas o mundo, se for preciso, para que nada cambie, para que todo siga sempre infinitamente ben.

Nada hai no mundo mellor que esta despreocupación con que os amos me regalan cada segundo da miña vida. Nada máis pracenteiro e mortal que a morte que sempre me prodigan. É que é tan importante estar, simplemente estar, e que ben se está cando xa se está ben!

Definitivamente, se fill@s tiver, non querería outro mundo mellor para elas e eles que este tan abondoso en promesas de futuras obediencias, en acatamentos de infinitas disciplinas suministradas sen miramentos coa violencia, con tal de lograr que moitos tamén cheguen, algún día chegarán, ao oasis desta suprema situación Estarbén. Marca coa que superaremos aqueloutro aburrido estado Benestar. Ou algo así me foi ensinado. E eu aprendo, asumo  todiño, trago sen pór cara de malestar, aínda que as veces doian os osos e os coitelos entrefebrados na boca para nos fortalecer. 

Mentras, agardo con sinceira ilusión pola promesa da realidade Dorsendor que seica fará que nunca teñamos que sentir ren, malia que o alimento poida cursar con dor. Porque sen sangue, (dicían que) a menciña non funcionaba. Eu agardo que esa á que xa chaman a nova intelixencia tecnocrática siga a dar grandes chimpos na conquista dun maior imperio para esa grandísima esperanza da Totalsendolería.

E que sen eles, sen os meus, sen os meus  familiares arcanxos, o mundo involucionaría nun tolo rumbo sen sentido. Que disque que o malo non é que careza del, senón que o tolo sentidiño, remate por amolarnos aínda máis. Para doutrinas as nosas, as doutísimas pílulas Estarben que axudarán sen recorrer á censura, case sen manipular. Soño con Estarben en pílulas ou inxectada, que máis ten! Serán o maná do futuro- din os nosos incomparábeis adiviños. 

Son seres especiais os amos- arcanxos que me protexen de min e de todas e todos vós. Eu, que son inmensamente ric@-conformista, só quero vivir, respirar á marxe dos conflitos que tanto distraen, que tanta aflición causan ás puras aspiracións dos que velan porque todo permaneza en paz todos os días.

"Cústalles tanto limpar as malas herbas que ameazan acotío a súa maxestuosa sementeira de realidades e mercados!" 

Non hai dor, nin sufrimento, só un lixeiro mareo polas voltas que a disconformidade provoca na harmonía do sistema. Son tantas as alarmas que a diario pretenden sabotear a intelixencia maior do programa ou  desprogramar a rotación do sol ou introducir a continxencia do posíbel… Sufren tanto por todo os meus amados arcanxos! Cústalles tanto limpar as malas herbas que ameazan acotío a súa maxestuosa sementeira de realidades e mercados!  

E son aínda tantas as mega -realidades que cómpre sementar ata a anulación total dos síntomas da doenza da dignidade e dos seus nocivos derivados! Tanto o traballo dos esforzados tratamentos ata acadar as prezadas vetas no mercado da escravitude e da barbarie! Tanta a confianza na recuperación da imposición do mellor dos mundos feito a medida do imperio da xenuflexión  arredor da suprema situación individual Estarbén! Agárdanos un eterno futuro sen recelos co presente nin remorsos co pasado, agás algunhas excepcións. 

E por iso que xa estou ben. Superei as ataduras alleas e aspiro, sen pudor, a unha maior escravitude nun mundo sen escrúpulos, entregado aos ditados da barbarie: mercadoría en estado puro, devaluación do benestar, oligarquía  ao cento pon cen.

Estou ben. Nada me turba. Durmo sen soños. Os amos do mundo velan por min.

[QUEDOU BEN?]

Comentarios