Opinión

Estouben (Dous)

[A auga envolve o corpo d@ actuante. Ao  fondo, unha terraza con palmeiras. As pegas irrompen no espazo aéreo. O resto do escenario fica a pleno sol. Unha morea de pomadas e fragmentos de tórax perfectísimos cobren o chan. A voz proxéctase exultante dende a refrescante piscina.]

[A auga envolve o corpo d@ actuante. Ao  fondo, unha terraza con palmeiras. As pegas irrompen no espazo aéreo. O resto do escenario fica a pleno sol. Unha morea de pomadas e fragmentos de tórax perfectísimos cobren o chan. A voz proxéctase exultante dende a refrescante piscina.]

ESCENA SEGUNDA: TRANSFERINDO DATOS. TOMA 1. 

Préstame isto de gañar, de vencer luxurios@ ante este baño de éxito e lecer. Non chama a boa sorte tantas veces á túa porta, non sempre triunfamos @s que o merecemos tanto. E ben, preguntarédevos que é o que estarei a celebrar dentro desta escumosa piscina de augas perfumadoras… Pois nada máis nin nada menos que o ascenso no  nivel supremo do Estarbén. 

"Parece mentira, todo o que se pode aprender sen facer ningún esforzo, sen ter que fatigar os músculos nin as áreas cerebrais". 

Non tiven que facer nada; tan só dispoñerme a agardar pola chamada da xungla, dicir dez veces si a todas as propostas e, ao final, un sonoro amén rotundo a todo o demais. E conseguín esta privilexiada tarxeta de reposición de ideas superclase, acreditación de pertenza de honra  á selecta clase divina dirixente!

Son moi moi feliz; cóbrenme todos os pagos na forma “habitual”: viaxe a cargo da rede corporativa, cigarros de balde, suntuosa habitación totalmente libre de impostos privados e un cheque-agasallo que me liberará de ter que machucarme o cerebro pensando por min propi@.

Parece mentira, todo o que se pode aprender sen facer ningún esforzo, sen ter que fatigar os músculos nin as áreas cerebrais. É tanto o que se pode aprender sen conversas estériles, sen debates, sen as palabras d@s ninguéns que todo o lixan! 

Permítanme que saboree unha torrada de exquisito caviar mentras lles falo - submerxid@ na excepcional fragrancia deste baño de humildade- das ideas voraces e da inconsistencia do mundo. A solución está na asimilación rápida das leis naturais da mente. Cómpre iniciarse na abolición do pensamento e, para iso, nada mellor que deixarse guiar polo inconsciente, pola experiencia do desarraigamento, pola expulsión da reflexión colectiva. Atreverse a transitar polas primitivas vías dunha vida sen mundo e sen conciencia, lonxe dos abominábeis perigos  do “Sapere aude”.

Para acadar a condición primeira do Estarbén (nivel un) cómpre experimentar a flexión instantánea dun tempo disolto e sen límites, tempo líquido como as augas dunha piscina, antes do nacemento do mundo.

Liquidada a razón, superado o espellismo da conciencia subxectiva, o ímpeto da forza imporá a impronta das ideas- vectores, as ideas-unidireccionais que emerxen do fondo da natureza da rede cerebral, da pureza da vida antes de ser vivida, da vida antes de a estrear. 

Eis a condición primeira para superar o estadio da conciencia benestar e pasar á situación Estarbén (nivel dous). Neste segundo chanzo, o programa de transferencia de datos tentará  suprimir a historia do mundo, a experiencia das conciencias humanas a través da historia e a organización do guión político da vida, e implementará a pureza asocial e anómica das empresas relevantes. Cómpre transferir novos datos  cos que  suplantar vellos hábitos ineficientes por un programa eficaz das  ideas- vector da forza do mundo. E as solucións chegaron e, con elas, o descanso do mundo e das mentes recén liberadas do mundo, da conciencia e da incrustación nelas dos estranos atavíos sociais. Velaí unha mostra da lóxica asocial do mundo Estarbén da que fan parte unha listaxe de pensamentos lixeiros como plumas de aves liberadas do pensar: 

"Pregúntense vostedes, u-las desfalecidas mulleres e os aflixidos pobos sen o sustento que as rexas cadeas lles ofrecen?"  

O medo permanente garante a plena liberdade. Soñan os electróns con facerse protóns e alterar a inalterábel orde do mundo. Canto maior é a razón, máis precisa se fai cólera. A máxima aspiración da masa laboriosa é traballar até desfalecer. Cando os banqueiros dormen, o mundo deixa de existir. A orde dos factores non altera a composición. A harmonía desexada convértese no peor dos equilibrios. As inxustizas inxustas enxendran a xustiza. O mellor espello dun suxeito é a ollada cara un obxecto. Este non é o mellor dos mundos, é o único posíbel. A maior democracia, máis funambulistas. O doente, cando non cura, recupera a súa vitalidade. Campoamor complicouno todo ao duplicar os sexos. A maior participación, menor entendemento. A externalización do ben común é a meta da humanidade. Tanto máis réptil máis superhumano.

Ademais desta listaxe de pensamentos lixeiros, cómpre estarmos alerta pola constante tendencia da lóxica social antedeluviana a filtrar pensamentos indescifrábeis que nos levan a erráticas e caóticas esixencias de sentido nun mundo máis que farto de utopías e desexos infrutíferos como os que incitan ás mulleres e aos pobos a loitar até perderen as súas cadeas. Porén, pregúntense vostedes, u-las desfalecidas mulleres e os aflixidos pobos sen o sustento que as rexas cadeas lles ofrecen?  

[A auga envolve o corpo d@ actuante. Ao  fondo, unha terraza con palmeiras. O resto do escenario fica a pleno sol. Unha morea de plumas e fragmentos de tórax perfectísimos cobren o chan]

 [QUEDOU BEN, NON SI? XENIAL! TEÑO OS PÉS XEADOS]

María Xosé C. Trillo.

Comentarios