Opinión

As decisións éticas

As decisións que tomamos sobre que facer coa  propia vida son o grande reto persoal ao que nos enfrontamos cada día. Convén non esquecérmonos de que isto nos sucede a nós. Certo é que non todas as cousas que eliximos nos preocupan nin nos ocupan de igual maneira. 

As decisións que tomamos sobre que facer coa propia vida son o grande reto persoal ao que nos enfrontamos cada día. Convén non esquecérmonos de que isto nos sucede a nós. Certo é que non todas as cousas que eliximos nos preocupan nin nos ocupan de igual maneira. Non é o mesmo escoller un vaso para beber auga que decidir en conciencia a maneira de solucionar un conflito de intereses sen perder a perspectiva do que é xusto na nosa actuación. O filósofo Inmanuel Kant convidaba a facer pasar as decisións éticas coa ollada posta nun criterio racional e universalizador. O devandito criterio de elección imporía, en calquera circunstancia, o deber de despregar unha acción racional e libre como garantía de estarmos a construír un reino humano universal, unha humanidade atenta ao sentido ético do seu futuro, e comprometida co desenvolvemento e o acrecentamento do progreso moral das civilizacións. 

"As decisións que tomamos sobre que facer coa propia vida son o grande reto persoal ao que nos enfrontamos cada día".

Kant albiscaba a necesidade de empeñármonos na construción dunha nova humanidade, emancipada de tutelas alleas, de dogmatismos impostos dende a sinrazón ou a barbarie, de escuras supersticións ou discursos pechados á participación das nacentes subxectividades. Todo o había que pasar polo filtro da propia reflexión interna, pola asunción da propia liberdade de pensar e de decidir. A filosofía de Kant ilumina a esfera da libre vontade persoal, mais esta non é unha vontade exclusivamente individual e fechada ao resto das conciencias. 

O máis valioso do seu pensamento reside na aposta pola construción dunha humanidade cun forte sentido da fraternidade e da xustiza. Foi Rousseau, o teórico da democracia universal, quen lle espertou o interese por ver de acompañar eticamente o proceso da construción colectiva dunha vontade xeral que representase ao pobo soberano. Sendo este a única autoridade política lexítima digna de merecer tal nome, mais carecendo tamén da lexitimidade política necesaria para ser chamada universal, por ter excluído ás mulleres do tan apetecíbel  manxar da participación en asuntos de importancia e trascendencia. E non porque as mulleres decidisen autoexcluírse de tal proba. Como non foi o caso. 

"A dignidade non se pode resolver no ámbito das cousas as que lle poidamos pór un prezo".

Trátabase de fortalecer o nacemento  dunha nova vontade ética e política necesaria para vivirmos dignamente. O ámbito do interese económico non debía  dirixir nin eclipsar as decisións morais dos individuos. Baixo ningunha circunstancia as decisións do mercado deben suplantar o desenvolvemento global da vontade racional e libre dos humanos. A dignidade non se pode resolver no ámbito das cousas as que lle poidamos pór un prezo. As cousas carecen de dignidade e non deberían pretender substituíla en ningún caso, agás que esteamos a recaer na heteronomía, é dicir, perdendo de vista o importante descubrimento da modernidade humana que  nos insta á procurar unha  orde social cívica na que os  valores éticos deben ser postos en primeiro lugar á hora de valorar o mundo laboral, económico e político que estamos a lles deixar ás futuras xeracións.

Hai quen preferiría deixarse facer polo mundo das cousas sen dignidade, sen excelencia moral, sen valor humano, pola tutelaxe da lei do máis forte. Mais Kant convocounos a aceptar a máxima da liberación moral, individual e colectiva, a apostar pola construción dun mundo ético no que a busca do interese privado ficase  superada pola busca do  interese común, o único interese humano merecente de tal nome.
De aí que Kant saise do guión especulativo para propoñer a creación dun novo marco mundial no que as guerras deixasen de ser o motivo dos constantes conflitos entre os Estados. Kant soñou e traballou por un proxecto universal que garantise a paz e dese ás costas á creación dun mundo contrario á moral e en guerra permanente. Este seu proxecto pacifista virá a ser reivindicado no s. XX por Einstein e Bertrand Russell, entre outras e outros que se posicionaron decididamente polo desarme armamentístico en plena Guerra fría. 

"A universalización, de todos xeitos, non será completa ata que todas as mulleres do mundo poidan exercer o dereito a decidir"

Outras virían despois a completar as luces da razón kantiana, que foron moitas, mais que tampouco estiveron exentas de opacidade á hora de atender inxustas realidades como as padecidas pola exclusión e discriminación das mulleres do reino da clarividencia racional e moral, como puxeran de manifesto feministas como Mary Wollstonecraft ou belixerantes mulleres da revolución francesa, encabezadas por Olympe de Gouges, reclamando os dereitos políticos das mulleres e das cidadás. 

A universalización, de todos xeitos, non será completa ata que todas as mulleres do mundo poidan exercer o dereito a decidir, dende a súa ineludible perspectiva humana e malia o disgusto de tantas autoridades entorpecedoras das súas reais vontades, os destinos das súas propias vidas e o decurso histórico da política mundial sen máis dilacións nin retrocesos. 

Comentarios