Opinión

Cando falamos dos pobos, de que estamos a falar?

Mentras me deixo levar  polas palabras e reflexións de Nelson Mandela non podo deixar de me facer preguntas, xurdidas ao fío da lectura da recente reedición da súa Autobiografía (Ed. Aguilar). Un libro fascinante, deses que acompañan e ensinan, un libro que axuda a pensar nestes tempos nos que tanto precisamos de novas, e tamén  anovadoras, ideas e ideais. 

Mentras me deixo levar  polas palabras e reflexións de Nelson Mandela non podo deixar de me facer preguntas, xurdidas ao fío da lectura da recente reedición da súa Autobiografía (Ed. Aguilar). Un libro fascinante, deses que acompañan e ensinan, un libro que axuda a pensar nestes tempos nos que tanto precisamos de novas, e tamén  anovadoras, ideas e ideais. 

"Unha das marcas do poder real é a súa firme vontade de autodeterminarse a si mesmo á través da heterodesignación d@s  outr@s (dos  pobos dominados, neste caso) impóndolles os seus propios mitos, ritos, linguas, estatus e valores".

Preguntas que sobrevoan no medio do seu detallado relato da longa viaxe iniciada polas diversas tribos que configuraron coa súa loita política a realidade dun país que non quixo permanecer naquel  imposto apartheid, nin nas durísimas condicións a que foron submetidos, quer  polos colonos ingleses, quer pola ultradereita holandesa. Unha ultradereita que se autonomeaba e proclamaba  afrikaner, autolexitimándose para se  facer dona e propietaria  de toda clase de recursos sudafricanos : naturais, poboacionais, políticos, culturais e históricos; mentras puña todo o seu empeño en desposuír e planificar  conflitos  entre os ancestrais  pobos  que emerxeran tras un longo e duradeiro  proceso de convivencia intercultural, pobos coma os xhosas, os zulús, os mpondos, os thembus, etc… que, como tantos outros, deseñaron  diversas formas culturais de vida intelixente e acordes  coas necesidades das súas respectivas comunidades.

[Unha das marcas do poder real, o que efectivamente se está a exercer, é, segundo lle aprendín ás teóricas feministas, a súa firme vontade de autodeterminarse a si mesmo á través da heterodesignación d@s  outr@s (dos  pobos dominados, neste caso) impóndolles os seus propios mitos, ritos, linguas, estatus e valores.

 Logo dun férreo control dos medios, e da maquinaria de difusión dos prexuízos necesarios para manter  a súa  montaxe  activa, os  explotadores /invasores/ patriarcas  farán ver que todo cadra segundo os seus  planos, seguros de poder desprestixiar a todo canto se lles poida contrapoñer á excluínte investidura do seu  poderío, é dicir, a un poder  entendido  como vontade absoluta de dominio e tamén de dominio absoluto].

"Nunca entendín esa dobre moral da Europa máis ruín, ese seu baixo perfil democrático, ese ensañamento cos pobos, ese seu enérxico  anticosmopolitismo".

Cando no 1948 o National Party holandés  chega á Presidencia de Sudáfrica, por medio dunhas eleccións nas que só poden  participar os residentes sudafricanos de etnia branca; o CNA (Congreso  Nacional Africano) xa ten madurado os eixos fundamentais das súa acción política  e goza dunha amplísima e crecente rede de apoio e empatía, de compromiso e de implicación popular nas  principais urbes do país. O CNA é o portavoz real, que non o oficial, do xove e rebelde espírito do país e dunha clase obreira prácticamente desposuída de bens, de terras e de vivendas  dignas. A poboación negra sobrevive, a duras penas, traballando de sol a sol nun seu país desfeito polas guerras coloniais e refeito por e para os brancos, para o goce e disfrute exclusivo dunha elite branca, totalmente foránea e allea aos intereses lexítimos do país que está a ocupar. 

Esta elite branca enxendra un  Estado a súa medida; impondo os máis bastos  vimbios europeos a unhas culturas que aínda non se viran na necesidade de petar nas portas da virtuosa e modélica Europa ultracapitalista e neoliberal. Un modelo de  Europa que, naquel tempo, consentía en que fóra das súas fronteiras  pasase  o que para si mesma puidera non querer. 

Nunca entendín esa dobre moral da Europa máis ruín, ese seu baixo perfil democrático, ese ensañamento cos pobos, ese seu enérxico  anticosmopolitismo. Podes  ser  nacionalista na defensa  da autodeterminación dos pobos autoinstruídos para outorgarse a si mesmos dignidade e fins,  sen  deixares  de sentir que fas parte do mundo, do mundo da dignidade popular internacional autoinstruída para acadar tan alto fin. 

"Non  deixo de atopar no fondo e na forma das reflexións de Mandela  un elo común  con todas as loitas pola superación do imperialismo"

Non  deixo de atopar no fondo e na forma das reflexións de Mandela  un elo común  con todas as loitas pola superación do imperialismo e con todos aqueles movementos e organizacións políticas que fixeron, fan  e farán parte da dignidade  histórica dos seus pobos.

Malia todo, a realidade non deixará de nos sorprender. Todo o  bo e xusto que consigamos facer realidade non pode máis que alimentar intensamente a pel e o corpo desa nosa proxectada  humanidade  libre, rebelde e solidaria.

Grazas, Madiba. 

Comentarios