Opinión

Alerta, feministas!

Desculpen se hoxe aparentemente preciso falar  só delas, dun mundo no que elas apenas contan, dun mundo ao que ninguén decidiu chegar, incómodo para vivir e tamén para pensar e disfrutar e, moito máis aínda, para estar en condicións de ser transformado para o disfrute material e moral de toda a humanidade.

Desculpen se hoxe aparentemente preciso falar só delas, dun mundo no que elas apenas contan, dun mundo ao que ninguén decidiu chegar, incómodo para vivir e tamén para pensar e disfrutar e, moito máis aínda, para estar en condicións de ser transformado para o disfrute material e moral de toda a humanidade. Porén, o mundo debe ser transformado, deben mudarse de raíz as vestimentas do fanal difuso e insolidario que erguen en contra de nós os poderosos, hai que remexer as vellas complicidades e tirarlle a carauta á esta vontade de poder, a esa raiceira hostil do dominio por onde adveñen a este mundo as  inxustizas. 

"A economía bate contra elas, bate de novo o poder eclesiástico… contra elas"

A economía bate contra elas, bate de novo o poder eclesiástico… contra elas. O alento da agonía do poder, do poder mundial mortífero e agónico, contra elas. Non obstante, algunhas delas baten tamén enerxicamente contra elas, contra a conciencia delas, contra a decisión de moitas delas. A incomprensión e a instrumentalización delas en mans dunhas poucas a pórlle paus ao camiñar das outras. Non quitan a vida, porén minguan as posibilidades de vivirmos dignamente nela. Aquelas que se fixeron  cómplices da vontade do poder destrutivo- patriarcal  interrompen a iniciada senda do feminismo para aliarse co poder despótico e autocrático que nos exclúe a todas. Asómbranme elas, mulleres malamente empoderadas por loitas de mulleres que nunca fixeron realmente súas. A algunhas mesmo se lles permitirá exercer como dirixentes políticas enarbolando as bandeirolas da falsa democracia que tanto abunda nestes tempos. 

"Lonxe de ceder, decaer ou claudicar, a loita feminista esixe avanzar, comprender que o mundo non pode ficar  á expensas da escravitude e sen alternativas".

A reacción conservadora disfrázase da igual e xoga co feminismo, xoga coas auténticas expectativas dun mundo en perspectiva de mudar feminista, xoga  contra nós, as feministas do universal, as feministas da rebeldía política universal contra o poder neoliberal dominante. O feminismo universal ten vontade de transformación, fame de igualdade social e de política real, sede feroz de razóns e paixóns liberadoras. O feminismo universal comprende e atende as peticións das mulleres de calquera parte do mundo, de calquera home ou  pobo que esixe facer mundo. O feminismo universal escoita as voces, defende as linguas. O feminismo universal é plural e respectuoso cos pobos e coas súas decisións, artella proxectos integradores e vai e vén das marxes ao centro e de abaixo a arriba. E ten vontade de entender as situacións concretas, as oportunidades e os infortunios  históricos, e procura non deixar pasar, ten memoria histórica, ten atrevemento.

Lonxe de claudicar, de afanarse en demoler e desfacer o mundo, a loita feminista non admite ficar sen mundo, pasar polo mundo facendo ruïdo, mais deixando nel a luz sepulcral do amo, do patrón, do imperialismo brutal do patriarcado. Outras e outros deberan poder vir e corrixir o rumbo desta nosa Nao- Terra, e deben poder chegar, e afanarse por revolucionar o mundo de moi diversas maneiras. Lonxe de ceder, decaer ou claudicar, a loita feminista esixe avanzar, comprender que o mundo non pode ficar  á expensas da escravitude e sen alternativas.

Comentarios