Opinión

Vento nas velas!

Como dicía o poeta Manuel Álvarez Torneiro, "teñamos o valor de darnos o futuro".

Logo dun moi duro ano onde fomos perdendo a esperanza a poder pechar a porta definitivamente á pandemia, cómprenos comezar este 2022 cheas de forza e ganas. Xa pronto virán os días máis grandes, xa pronto poderemos comezar a mudar as cautelas en apertas, as alertas en confianza... No ano pasado repetimos tantas veces, para darnos ímpeto, ese verso de Xela Arias: Vencerse é cousa de se tratar e convertémolo en berro de guerra para artellar redes porque sabiamos que hai moito por facer mais tamén hai moito por gañar e está nas nosas mans e na forza da palabra.

Neste ano que rematamos, desde Vía Galega intentamos armarnos de razóns e de certezas defendendo a nosa presenza alí onde todo pobo quere/debe estar, xa falemos dos xogos olímpicos ou das negociacións da pesca porque non somos menores de idade, queremos exercer os dereitos que como pobo nos pertencen e falar en nome propio e non permitir que, tal ventrílocuo, alguén fale por nós, e por nós decida que nos convén.

Esa é a nosa razón de ser, alzar a voz, xunto a outros colectivos, cando no canto de crear emprego se queren destruír sectores produtivos onde sempre fomos unha potencia, cando no canto de apostar por enerxías limpas se practica o espolio dos nosos recursos naturais, no canto de intentar crear emprego industrial fanse políticas de corte colonialista, ou no canto de loitar contra a pandemia reforzando os servizos públicos o que nos atopamos son políticas neoliberais que practican recortes na sanidade, no ensino, nos servizos sociais... E temos que telo claro, a situación socio-económica do noso país explícase, sobre todo, pola falta de soberanía e a falta de capacidade de decisión.

Fronte a calquera pandemia non podemos permitirnos nin a parálise nin a inacción. En Vía Galega partillamos con moita xente, sabémolo, esa proclama de "o que hai que facer é facer", por iso nós remangámonos e puxémonos a iso, a traballar sen desmaio, e a nosa campaña  "Galiza: un pobo, unha selección" foi capaz de sumar centos e centos de apoios mais tamén nomes moi senlleiros do deporte galego para berrar que somos unha nación, temos dereitos e queremos exercelos. Como calquera outra nación do mundo.

Neste ano 2022 fanse 100 da xestación da primeira selección absoluta de fútbol da Galiza e para nós era importante gabarnos da nosa forza, das nosas fortalezas, que podemos contar en medallas obtidas, e da presenza das galegas e galegos que participan en moitos deportes con outras bandeiras porque non poden facelo coa nosa. Son campañas molestas para quen nos goberna, mais nós sabemos quen somos e como queremos vivir no mundo e apelamos á responsabilidade colectiva deste pobo.

Sabemos que o noso discurso Galiza é unha nación é partillado por moitas galegas e galegos, e xusto é aí onde Vía Galega ten todo o sentido na defensa dos marcos propios, da nosa riqueza, do noso talento, no coñecemento do que fomos mais, sobre todo, na reivindicación do que somos e do que queremos ser, un pobo libre e con futuro. Como dicía o poeta Manuel Álvarez Torneiro, "teñamos o valor de darnos o futuro", para iso traballamos, facémolo por nós mais tamén polas nosas compañeiras.

Na defensa da nosa riqueza, do noso patrimonio, da nosa lingua e da nosa cultura, fronte a quen nos goberna e o fai de costas a este país. Tanta verborrea presidencial era para acabar recoñecendo que o seu bilingüismo "cordial" era escoller entre español e castelán. O desprezo que senten pola lingua propia deste país é só o reflexo do que senten polo pobo galego.

Queremos ser atrevidas nas rúas e nas proclamas, no noso traballo diario, no activismo, na defensa do territorio, contra aqueles que queren roubar o noso vento para engordar o negocio de xentes que viven lonxe de aquí mentres se expulsa a nosa mocidade que segue obrigada a emigrar. A nosa situación non é boa e non virá de fóra remedio ou esperanza. Por iso, máis que nunca, toda a axuda que se preste a Vía Galega posibilitará que se converta nun movemento cidadán máis forte, autónomo e independente de poderes políticos e económicos. Estamos en nacemento e en permanente crecemento e non imos quedar a tecer e destecer...

Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todas.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
Eu tamén navegar".

Só precisamos vento nas velas!

Comentarios