Opinión

Ser ou non ser (nación), ese é o dilema

...cómpre non ser 'miñaxoia'
pois a liberdade non a dan de esmola!

(Florencio Delgado Gurriarán)

O domingo pasado dúas mil persoas percorreron as rúas de Compostela ao berro 'Que queiran que non, Galiza é unha nación'.

Un ano máis, Vía Galega saía á rúa para lembrar os Mártires da Liberdade asasinados en Carral hai 176 anos e para lembrar que seguiremos a esixir, con todas as nosas forzas, os nosos dereitos até telos conseguido.

Sabemos en Vía Galega que precisamos pulo e resistencia, que nos cómpre animar e profundar para alcanzar maiores cotas de conciencia nacional. Que nos cómpre agora estar na trincheira actuando en defensa propia. E queremos facer historia, en defensa dos dereitos colectivos deste pobo porque somos unha nación, temos dereitos, cómpre xa que fagamos ouvir a nosa voz.

E aí estamos con firmeza, solidez, tenacidade e persistencia para chegar tan lonxe como sexa preciso na reivindicación dos nosos dereitos. Eses dereitos colectivos imprescindibles para facer efectivos os nosos dereitos individuais, falemos de vivenda ou sanidade e educación públicas e de calidade. Os dereitos que como pobo nos corresponden.

E o principal deles é o dereito de autodeterminación, ese dereito que debe garantir que os pobos poidan escoller o seu futuro de maneira libre e democrática. Poder escoller de xeito democrático como se queren gobernar. Non hai democracia, nin liberdades individuais plenas se se prohibe exercer as colectivas, como o dereito inalienable á autodeterminación da nación galega. 

Non exercer ese dereito, non exercer a nosa soberanía, non decidir nós o que nos convén trae consigo indefectiblemente o freo ao desenvolvemento económico e social. Corta o noso futuro e impide o noso progreso.

O marco autonómico que padecemos é para Galiza como unha camisa de forza, que nos empuxa á precariedade, á pobreza e á emigración. Precisamos gobernarnos nós mesmos, sen inxerencias externas, e sen estar subxugados a un estado que explota e rouba os nosos recursos que dicide sobre o noso, que nos trata como menores de idade e que posterga sempre as nosas ansias de autogoberno. Nega a nosa fala, terxiversa a nosa historia, mente sobre as nosas capacidades e potencialidades.

Unha vez máis, cómpre combater e desenmascarar a falsidade de que Galiza é un País subsidiado. Que por si mesmo non ten futuro. En Vía Galega témolo repetido moitas veces, fronte aos mecanismos de desprestixio desta nación, eses que repiten que somos un país pobre, que resistimos grazas á solidariedade de España. Nós poñemos as contas claras, porque sabémonos un pobo rico, porque Galiza contribúe con 3.000 millóns euros de máis en relación aos recursos que recibimos do Estado.

Manipúlase a realidade para transmitir que o noso destino natural non é outro que a subordinación ao Estado español. Para iso, substitúese o propio polo alleo, estigmatízasenos como pobo, perséguese a nosa identidade colectiva, bórrase a nosa historia e suplántanse os símbolos nacionais.

Ao tempo que esiximos dereitos tamén denunciamos as políticas asimiladoras e negadoras da nosa propia existencia. Ben o sabemos as galegas e galegos, o Estado español, como construción política imposta, fundamenta a súa existencia na opresión e na negación dos dereitos das nacións que o conforman. O pobo galego ten dereito a ser soberano para decidir o seu futuro.

En Vía Galega, repetímolo moitas veces, non aceptaremos un papel de colonia que esta configuración do Estado nos impón, nin permitiremos que España espolie os nosos recursos que nos faga máis pobres e dependentes e que expulse cada ano a miles de galegas e galegos fóra para buscar o seu sustento.

Se na diagnose dos nosos problemas contamos por miles as galegas e galegos que comparten esta análise, precisamos tamén esas mans para a construción do presente e do futuro desa Galiza entendida como unha obra colectiva. E Vía Galega é a ferramenta para conseguilo, a ferramenta que abre camiños, que se compromete, que quere facer historia porque o momento é este, xa o temos repetido moitas veces, o dilema é ser ou non ser.

Comentarios