Opinión

República Galega

"España segue sen lembrarse de Galiza. Non importa, ¡lembrémonos nosoutros de nós mesmos!"
(El Pueblo Gallego, 1931)

Moito temos que seguir investigando e divulgando nos temas de Memoria Histórica, mais tamén cómpre non esquecer que nese traballo de pescuda non deberiamos comezar en 1936, porque tamén é memoria histórica lembrar que hai 91 anos, en xuño de 1931, en Galiza se proclamou a República Galega.

A proclamación da República Galega é un feito moi descoñecido da nosa historia. O detonante foi a paralización da construción do camiño de ferro entre Zamora e A Coruña co conseguinte despedimento de máis de 12.000 traballadores. Ese descontento fai que quen se coloca á cabeza da revolta será o movemento obreiro, mais tamén o nacionalismo con figuras importantes chegadas da emigración.

Na madrugada do día 25 de xuño de 1931, comeza unha folga histórica polo despedimento de millares de traballadores, e unha multitude ocupa a Casa do Concello de Ourense e alí mesmo se ergue unha bandeira de Galiza e se proclama a República Galega. Marchan logo os folguistas ao Goberno Civil onde rompen a bandeira da república española e izan a bandeira galega.

"O gobernador deulles conta dun telegrama asinado pola comisión galega que está en Madrid [...] Dixo logo unhas palabras relacionadas coa fórmula de arranxo e manifestou que mañá, probablemente, coñecerase a solución.

O público, en canto escoitou 'mañá', prorrómpeo nun 'non!' atronador, que afogou as palabras do gobernador civil [...].

Mentres isto ocorría un grupo foi ao Concello e quitou de alí as dúas bandeiras.

A tricolor rompeuna e a galega izouna nun pau e, ao berro de 'viva Galicia!', levárona ata o Goberno civil, penetraron no despacho do gobernador, romperon a porta e no balcón principal izaron a bandeira galega". (El Pueblo Gallego, 27/6/1931).

Os milleiros de traballadores e todo o pobo que os apoia non se fiaban das promesas chegadas de Madrid, é por iso que se convoca, con apoio de moitos concellos, unha nova concentración e mitin en Compostela o día 27 de xuño. Así da conta das intervencións no mitin El Pueblo Gallego:

Carrero Valenzuela dirixe a palabra ao enorme xentío [...]

"Isto ten que acabar, e acabará por encima de todo. Galicia demostra ben ás claras que está en pé, en aberta revolución para solicitar a súa liberdade, a súa autonomía e a súa independencia absoluta". 'Cidadáns' -termina o orador-: neste momento non nos interesa a República federal española, senón a República galega. A proclamala por encima de todos os caciquismos, de todos os gobernos civís, de todas as arbitrariedades dun poder central!".

Finalmente, será Alonso Ríos quen se dirixe á multitude: "A verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou oír a súa voz, e eu conxúrovos, cidadáns, a que dunha vez fagamos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falta, cariñosamente a Portugal, a nosa irmá".

Xornais de todas as partes do mundo e de todas as ideoloxías recolleron a proclamación da República Galega.

As numerosas adhesións e as dimisións en bloque nalgunhas corporacións fixeron que o goberno central tivese que, en primeiro lugar, saír a desmentir a proclamación da República en Galiza. E aqueles medios que agocharan, neses días, a proclamación da República Galega recollen, sen ningún tipo de pudor, o desmentido do Goberno Civil: "Aunque no hemos publicado nosotros dicha noticia reproducimos gustosos lo que nos envía el señor López Otero".

"Esta solución completa y rápida del problema parece más que suficiente para que nadie se obstine en mantener actitudes de protesta y menos aún agitaciones desmesuradas en torno al mismo. En consecuencia el Gobierno considerará como perturbadores y facciosos a cuantos elementos insistan en propagar rebeldías y alarmas...".

E así, con promesas e ameazas, a revolta vai diminuíndo e esa proclamada República Galega chega ao seu fin. Mais o ocorrido en xuño de 1931 permite amosar a vontade de autodeterminación do pobo galego aínda que, nesa ocasión, tivese unha moi curta vida.

Comentarios