Non hai moito lía nun xornal falar da industria educativa global, 'Global Education Industry', e así sen pudor e sen vergonza falan do gran negocio da educación e pásase de entender a educación como un dereito a falar dela como un negocio, como unha fonte de obtención de beneficio, igual que falan do negocio da guerra. Dise que o mercado da educación move máis de seis billóns de euros e vai en aumento e ás gadoupas do capitalismo fáiselle atractivo xestionar a educación con criterios empresariais.
O traspaso de cartos públicos para a educación privada comezou en 1985, cun goberno do PSOE, con Felipe González, creando a escola concertada coa LODE e comezouse co financiamento a centros privados, maioritariamente en mans da xerarquía católica. Este traspaso de cartos do ensino público para o privado duplicouse e foise tamén reforzando a nivel lexislativo coas sucesivas leis.
E daqueles pos veñen estes lodos que o Partido Popular leva alí onde goberna até límites aos que nunca se chegara.
E vemos como a concellos do rural se lle fechan centros educativos e, mentres se fai isto, enchen a boca falando de potenciar as medidas para consolidar a poboación en zonas rurais. A Consellaría de Educación recorta o número de docentes, aquí por igual no rural e nas cidades, e négase a aumentar aulas e profesorado en centros nos que se precisa segundo denuncia a CIG-Ensino e as ANPA. Mesmo en centros de FP que incrementarán oferta se está a anunciar que, malia esa ampliación de ciclos, non se incrementará profesorado e isto pasa porque o Goberno galego é –en todo o Estado– un dos que menos inviste en educación.
E mentres isto sucede, prodúcese un aumento das unidades concertadas en centros privados. Segundo dicía Nós Diario hai uns días, a Xunta subvencionou con 2.687 millóns de euros o ensino privado nos últimos 10 anos.
Neste inicio de curso, agora e sempre, porque nos estamos xogando o futuro, cómpre seguir berrando alto e forte:o público é servizo, o privado beneficio.