Opinión

Non renunciamos á patria galega

Hai pouco máis de 100 anos que as Irmandades da Fala acordaban celebrar o Día da Patria o 25 de xullo, que festexaron por primeira vez en 1920. A data escollida non era do agrado de todos por coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propoñía celebralo o 17 de decembro, o aniversario da execución na Praza da Catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela a cargo das tropas dos Reis Católicos.

N`A Nosa Terra, o órgano oficial das Irmandades da Fala, aparecían recollidas as ansias de soberanía dun pobo: 

Nese día comezará unha nova vida na que a cruzada dos povos traballadores pra conquerir a liberdade de traballar e a soberanía nacional non sexan xa impedidas polas vampiresas oligarquías centralistas…

E, cen anos despois, seguimos a loitar polo que é xusto e a denunciar ese centralismo que nos vampiriza, que rouba os nosos recursos, que nos impide medrar e desenvolvernos e que logo predica que somos un país pobre que vivimos grazas á solidariedade do Estado. Contra as súas mentiras, a nosa voz, a nosa forza e a nosa unión, a de todas as galegas e galegos que fan un traballo titánico nas súas asociacións: veciñais, culturais, ecoloxistas, deportivas... e que xunto a ese traballo axudan a empurrar nesta plataforma que é Vía Galega. Todas esas xentes que saben que precisamos -con moita urxencia- soberanía, decidir nós sobre o noso ao tempo que necesitamos levantar a voz para denunciar o espolio da nosa riqueza. Padecemos as consecuencias desas políticas centralistas cando pagamos a electricidade máis cara do Estado español. Aquela aperta do Presidente da Xunta e o Presidente de Iberdrola viña a certificar a unión das oligarquías que sempre lexislan, gobernan e xestionan en contra do pobo. A este país -que exporta o 40% da enerxía eléctrica que produce- négaselle sistematicamente unha tarifa eléctrica galega, aínda que pagamos moi duramente -coa desaparición de aldeas e vilas enteiras- a construción de encoros. Agora pretenden inzar o noso territorio de eólicos ao servizo das grandes empresas, en ocasións -e resulta ben paradoxal- de empresas públicas, galegas? Non, españolas? Non, empresas públicas norueguesas que, como o seu goberno non deixa construír máis eólicos, venos construír á periferia de Europa co beneplácito (ou algo máis turbio aínda?) de quen nos goberna. Ningún deses proxectos eólicos que intentan impoñer -sempre ás costas do pobo e sen diálogo- ningún, dicimos, vai contribuír ao desenvolvemento económico que esas zonas do rural precisan, antes ben ao contrario.

Falabamos de tarifa eléctrica e poderiamos falar de vías de comunicación. Nada se inviste en potenciar os camiños de ferro interiores e de proximidade e o ferrocarril non une as nosas vilas e cidades. Galiza segue sen contar cun medio ecolóxico de trasporte nin para persoas nin para mercadorías que poña en relación todo o territorio galego. Coa AP-9 vimos de sufrir outra afronta (e van alá demasiadas) e quen foi esta vez? Quen ía ser, o PSOE e o PP que emendan en Madrid o que aquí apoiaron, e a rebaixa da peaxe tarda en chegar e agora xa seica non haberá transferencia da infraestrutura senón só da xestión... E así sempre, vótase aquí unha cousa e decídese en Madrid en contra dos intereses das galegas e galegos. Dá igual cando leas isto; sempre é así.

“Vampiresas oligarquías centralistas” dicían as xentes das IdaF e aquí seguimos a aturar tempestades, e Galiza a perder peso demográfico dun xeito verdadeiramente alarmante e as políticas autocentradas, pensadas desde aquí tendo en conta o noso tecido produtivo, os sectores primarios, os centros de investigación, as universidades públicas, teñen que ver como non son as prioridades para quen nos goberna. Nada sabemos dos Fondos Nex Generation, aquí todos se fai ás costas dos intereses de Galiza.

Que o Día Nacional de Galiza sexa a nosa Festa Maior mais que sexa tamén día de reivindicación e loita. Tal como recomendaban as Irmandades da Fala, celebremos o noso día porque como pobo non queremos -non podemos- renunciar á Patria Galega.

Comentarios