Opinión

Que non nos rouben o mes de abril

Hai agora dous anos, máis de 60 asociacións do mundo do deporte, da cultura, do movemento veciñal e sindical creamos Vía Galega . Como un crebacabezas multicolor, voces diferentes que fan todas xuntas esta Galiza que queremos. Esa Galiza entendida como unha obra colectiva. O que somos e o que queremos ser... As asociacións e as xentes que aquí nos xuntamos entendiamos que agora cumpría estar na trincheira actuando en defensa propia, en defensa dos dereitos colectivos deste pobo chamado Galiza, e que cumpría berrar alto e forte que “somos unha nación, temos dereitos”, e xa que logo era necesario “facer ouvir a nosa voz”.

Ía ser o 5 de abril, agora retrasarase un pouco, a terceira vez que nun ano eramos chamadas ás urnas. Desde Vía Galega somos moi conscientes do que nos estamos a xogar nestas eleccións galegas porque a situación de Galiza é dramática.

Vimos de levar a cabo a campaña “Non emigramos, expúlsannos” porque este marco autonómico que padecemos actúa como unha camisa de forza que nos empuxa á precariedade, á pobreza e á emigración.

Neste marco autonómico no que, como se fósemos menores de idade, se decide moi lonxe de aquí o que “nos convén”, precisamos poder decidir Nós sobre o noso para sacar partido ás nosas potencialidades en beneficio da maioría.

Semella tan fácil... trátase de poder decidir nós sobre o noso:

1.- Permitiría un novo sistema de financiamento para Galiza que faría posible reverter os recortes aplicados polos gobernos do Partido Popular en materia de recursos e medios destinados a promover a igualdade con políticas que fomenten a contratación e inserción laboral das mulleres a través de políticas activas específicas de emprego.

2.- Permitiría tomar medidas efectivas de protección da lingua galega. A lingua é o elemento social por antonomasia, é polo tanto a empresa de todos, de toda a sociedade porque a todos compete o seu presente e o seu futuro. Mais o galego na actualidade áchase nun punto crítico, nunha encrucillada e o seu porvir vai depender de como resolvamos o presente. Preservar o idioma convértese así no primeiro deber para coa nosa historia, para con nós mesmos, para con Galiza.

3.- Permitiría defender a nosa cultura. Para que fose posible gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fai sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento.

Mais quen nos goberna, desde hai demasiados anos, ten outros plans e no canto de facer desfixo, no canto de apoiar, desprotexeu, falemos de lingua ou de pesca; de saúde ou de cultura; de industria ou de igualdade; de emprego ou de patrimonio, do agro ou de enerxía eólica.

E así, nas eleccións galegas, o dilema que temos diante é ser ou non ser.

Dicía Otero Pedrayo “para ser ricos e fortes, non hai outro camiño que ser cada día máis galegos”, máis galegas engadiriamos nós. Esa é a idea que nos guía en Vía Galega.

Traballar xuntas, centos, miles, de homes e mulleres para facer posible outras políticas porque agora, con moita urxencia, toca reverter tendencias e toca decidir como nos queremos gobernar porque con este goberno que padecemos, os galegos e as galegas non podemos decidir sobre sectores chave da nosa economía, nin sobre cuestións esenciais para o noso benestar e progreso colectivo, sexa o destino do noso aforro ou do diñeiro dos nosos impostos, ou o aproveitamento en beneficio propio dos nosos recursos. Non podemos decidir sobre a forma de organizar a nosa estrutura territorial,… ou sobre a promoción efectiva da nosa lingua e da nosa cultura.

Cómpre falar alto e claro e berralo aos catro ventos: somos un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo, do que sabe facer porque sabe facelo ben: falemos de construír barcos, pescar peixe ou producir leite, crear deseño, investigar ou producir tecnoloxía... Cremos no noso País, sabémonos unha potencia, por iso queremos planificar e decidir o que queremos libre e democraticamente ser. Porque somos unha nación e queremos exercer como tal. Con toda plenitude. Sen limites. Unha nación de Europa. Similar a moitas outras en extensión, poboación e nivel de benestar. Como tal nación de Europa, ou de calquera outra parte do mundo, temos dereito a planificar o noso propio futuro. Non o esquezades cando vaiades a votar.

Comentarios