Opinión

Mulleres en folga

«Porque aínda non lles é permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben» (Rosalía de Castro, 1859)

Moi próximos ao 8M, Vía Galega súmase ás organizacións feministas galegas que avogan porque ese día unha forte folga de mulleres sirva para denunciar a violencia que sufrimos por mor desa alianza criminal que é a combinación de patriarcado e capitalismo. 

É a feminista unha revolución inacabada -hai tanto feito mais queda tanto por facer...- a pesar de que a nosa forza e a nosa capacidade de mobilización e resistencia é grande. É por iso que neste Día Internacional da Muller debemos volver a nosa vista sobre o básico, sobre o fundamental para a vida, de aí xorde o lema  SEN COIDADOS NON HAI VIDA. Precisamos, unha vez máis, facer visible o invisible, chamar a atención sobre o importante, temos que esixir que os coidados, que permiten manter a vida humana, sexan centrais na axenda das políticas públicas para avanzar na igualdade real entre homes e mulleres. Cómpre esixir políticas públicas ao goberno do Estado e ao da Xunta que garantan os dereitos das mulleres. É por isto faremos folga o 8M e manifestacións, coidándonos mais estando xuntas nas rúas. 

Será o pensamento e acción unidas nun forte elo a que nos faga capaces de transformar o mundo,  de construír cidades e vilas máis seguras e inclusivas, espazos onde escoitarnos e coidarnos, onde traballemos para avanzar. E temos un moi longo traxecto para percorrer xuntas, para aprendermos unhas doutras, porque ben sabemos que a rúa aínda non nos pertence e queremos que tamén sexa nosa. É certo que a nosa capacidade de resiliencia é de grande forza, mais queremos ver xa políticas públicas que fagan da igualdade un eixo central, por iso precisamos traballar xuntas para construír un feminismo anticapitalista que desde o local poida contribuír a un mundo máis xusto capaz de combater de fronte o patriarcado, o racismo, o colonialismo e o imperialismo, na busca da xustiza social que as mulleres anhelamos mais tamén que a sociedade no seu conxunto precisa.

Cómpre denunciar que non é posíbel compatibilizar os coidados dentro dun sistema capitalista, que a crise económica está a ser utilizada para reprivatizar os servizos públicos, a sanidade, o ensino, os coidados… facendo que regresemos ao fogar. Cómpre, entón, que nos mobilicemos e berremos alto e forte para visibilizar o que está invisibilizado. 

Padecemos cada día políticas públicas -no caso galego, responsabilidade do goberno do Partido Popular- que fan que a liberación das mulleres sexa un obxectivo cada vez máis inasequible, que a opresión e a discriminación que sofren as mulleres a nivel social, económico e laboral se acrecenten. Non son atendidas as demandas que de xeito reiterado leva feito o movemento feminista, por iso traballamos para un forte 8M en clave galega e inclusiva.

Segundo un informe da Secretaría de Mulleres da CIG -que deu a coñecer hai uns días- sobre a situación laboral da muller, nós somos as grandes damnificadas da pandemia. Segundo os datos deste  informe, o 77% do emprego destruído, por mor da COVD-19, na Galiza foi feminino.  A pandemia expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas, destruíu emprego (maiormente feminino) e aumentou a taxa de temporalidade no colectivo de mulleres. Estima a CIG que o 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a ‘labores do  fogar’ respecto a 2019. É dicir, volvemos ao fogar a coidar,  a realizar traballos non remunerados, coidar de crianzas e dependentes  e, mentres isto sucede, a taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. E isto ocorre cando, neste último ano, o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres. Todos estes datos son demoledores e poñen negro sobre branco a necesidade de xuntar forzas dando visibilidade a todas as redes de mulleres galegas que traballan de forma continuada na defensa dos dereitos de todas. 

Na rúa e nas institucións, no fogar e no espazo laboral, temos que traballar arreo para facernos escoitar.  Queda moito por facer. Non podemos perder tempo.

Comentarios