Opinión

Galiza, unha nación de seu

"Adoitamos contar cantos somos e nestas contas chega a morte. Abonda pois de contas. Somos de máis para escomenzar" (A Nosa Terra, 1920).

O sábado 18 de abril, centos e centos e centos de persoas reuníanse en Compostela ao berro de "Galiza nación. Un pobo con dereitos". Galegas e galegos chegados desde Vigo ou desde A Mariña Luguesa, desde A Costa da Morte ou desde Valdeorras...

Grazas a Isabel Risco, a Neves Rodríguez e a Suso de Toro por axudarnos a contar o que Vía Galega ambiciona e pola lectura dese manifesto onde desde a Plataforma en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza queriamos berrar aos catro ventos que:

Galiza é unha nación con lingua propia, con máis de mil anos de historia. En Vía Galega sabemos que lingua e nación galegas van indisolublemente unidas e que polo tanto o futuro de Galiza está intimamente unido á súa lingua. Parafraseando a Fole, se esquecemos o galego, Galiza será nada máis que a suma de catro provincias da España.

Galiza é  unha nación cunha cultura de seu, por iso debemos berrar alto e forte que queremos gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fai sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento, moito talento...

Galiza é unha nación con historia propia, aínda que ocultada e terxiversada. Galiza é protagonista dunha historia que está cargada de continuas e significativas loitas sociais, obreiras e labregas, a loita das Encrobas, de Xove antinuclear, de Baldaio; o movemento Nunca Máis, Queremos Galego, SOS Sanidade Pública, as manifestacións feministas ou as doce folgas xerais dos últimos 30 anos... que demostran que non somos un pobo submiso, que sabemos berrar alto e claro cando fai falta. É por iso que, orgullosas do pasado mais tamén deste presente que construímos xuntas, non imos permitir que os que impuxeron a falsificación da nosa historia, os que impuxeron un relato falso decidan o noso futuro. Xa o intentaron moitas veces mais nós ben sabemos que son uns imperialistas fracasados. 

Galiza é  unha nación rica, que atesoura importantes recursos agrarios, gandeiros, pesqueiros, marisqueiros, forestais e enerxéticos. Somos a primeira potencia do Estado en produción de leite, somos os segundos produtores de carne bovina e primeira potencia forestal do Estado. 

Exportamos o 40% da enerxía que producimos por iso nos asiste todo o dereito a esixir unha tarifa eléctrica galega que baixe o prezo da enerxía para as familias e para as industrias. Partillamos esa idea de que a electricidade é un ben básico para a poboación por iso esiximos a creación dunha empresa pública de electricidade. E este é o momento, se cadra non temos outra oportunidade como esta, porque están caducadas ou a punto de caducar moitas das concesións dos encoros e as galegas e galegos xa pagamos un elevadísimo custe ambiental e social, terras fértiles asolagadas e aldeas enteiras que tiveron que emigrar por mor dos encoros. Así que chegou o momento de que esa riqueza reverta neste país, sen esquecer que tamén agora cómpre un berro forte contra o espolio eólico que queren impoñernos. 

E fronte aos que alimentan esa mentira  de que resistimos grazas á solidariedade de España, ese mito ruín, puro veleno, un embuste, un engano...  nós queremos autorresponsabilizarnos, queremos planificar e decidir o que queremos libre e democraticamente ser, porque somos unha nación e queremos exercer como tal. Diso falamos cando falamos de autodeterminación, de decidir nós sobre o noso.

Só queremos buscar nós as solucións para os nosos problemas, só queremos vivir do noso traballo. Non queremos roubarlle nada a ninguén mais tamén temos o dereito a esixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro.

Galiza é unha nación con vontade colectiva de existir e de ser libre. En setembro 1933, Galiza foi recoñecida como nación pola Sociedade de Nacións no congreso celebrado en Berna. Case 90 anos despois, os tempos son chegados para exercer a nosa soberanía. Con toda plenitude. Sen límites.

Celébrase nestes días 40º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía. Un corpiño que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta enferruxada como atopemos as respostas que este país precisa. 

Precisamos ferramentas novas para construír o futuro. Grazas por acompañarnos neste camiño. 

Comentarios