Opinión

De Rosalía ao 8M

"Pobre Galicia, non debes
 chamarte nunca española"

Cando estou a escribir este artigo é o Día de Rosalía e cando saia publicado estaremos xa moi preto do 8M.
Neste 2022 estamos de parabéns, grazas a Sagrario Abelleira, cada ano o 23F teremos moito que festexar. 

Desde Vía Galega, a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais da Galiza queremos botar unha mirada sobre Rosalía de Castro, figura fundacional na nosa literatura moderna e unha das voces literarias máis relevantes nas letras europeas do século XIX. Volver ler a súa obra fainos máis conscientes, se cabe, de que a súa escrita é revolucionaria, capaz de dar valor ao tantas veces desprezado, falemos da lingua galega, da paisaxe, da clase traballadora, das mulleres, ou da Galiza mesma. 

É a súa obra un traballo ímprobo na defensa da patria galega, na denuncia e na reclamación dos dereitos deste pobo como colectividade, a súa dignificación e a denuncia das inxustizas que padece, na defensa dos dereitos das mulleres, na evidencia da dor e a sangría da emigración, na causa feminista. Alzando a voz contra o conformismo, con compromiso social militante, cunha identificación e recoñecemento daqueles que sofren, cunha aposta decidida, enérxica e plenamente consciente de pertencer a unha nación asoballada. É o seu un rexo compromiso con Galiza e as súas xentes para dar visibilidade aos máis desfavorecidos.    

A terrible deformación e ocultación, ao servizo do españolismo, padecida pola súa obra comeza a ser, aos poucos, derrotada, porque a firmeza, enerxía e convicción da súa escrita fana tan actual, tan clara para quen se achega á súa lectura... Porque escribe coa verdade e a consciencia plena de quen cre na igualdade e acredita nos dereitos nacionais de Galiza.

Este proceso de descuberta da súa obra e do seu pensamento, queiran que non, xa non ten volta atrás. Rosalía xa é de 
todas. 

E hoxe segue a ser tan importante BERRAR, si, alto e claro, até facer tremer a terra que, como ela, somos fillas dun pobo que quere denunciar as aldraxes e reivindicar os seus dereitos. 

Século e medio despois cómpre alzar a voz contra esa España antipática e allea a nada que non sexa Madrid. Si, os problemas que Rosalía denunciaba seguen aí, a traxedia da emigración, os ataques aos nosos dereitos, o desprezo á nosa lingua, as situacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres... 

Esixamos a reivindicación e a divulgación da súa obra e, apoiándonos na forza clarificadora da súa palabra, poñámonos á tarefa de construír un futuro de igualdade, liberdade e feminismo para o pobo galego. 

Ao feminismo galego forte e combativo tócalle volver tomar as rúas neste 8 de marzo e botar luz sobre as desigualdades e inxustizas que as mulleres padecemos. Como galegas resistentes que somos, pensemos e actuemos en chave nacional para buscar e esixir aquí as solucións para os nosos problemas e como di o manifesto de Galegas 8M 2022: 

Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza. 

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

Neste 8M, agora e sempre, recoñezamos a Rosalía como precursora, como feminista galega e muller libre.  Ela mesma deixou escrito: 

"Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino".

Comentarios