Opinión

Como nos vemos

Vimos de saber nestes días de atrás dunha sentenza que priva a unha nai da custodia do seu fillo porque vive nunha parroquia de Muros e que, segundo a xuíza de Marbella, iso é a Galiza profunda. 

Poderiamos considerar que case semella unha brincadeira pensar que é mellor educar a unha crianza en Marbella que no rural galego, que en Marbella vai ser máis feliz, vai recibir educación de mellor calidade... 

Mais o fondo da historia ten máis que ver como nós miran desde España, que percepción ten España das galegas e os galegos e da propia Galiza? E aí podemos afirmar taxativamente que os tópicos e prexuízos sobre Galiza, non son de agora, veñen de lonxe:

Oh montañas de Galicia 
cuya (por decir verdad) 
espesura es suciedad, 
cuya maleza es malicia!

Dicía no Século de Ouro das letras españolas o mesmísimo Góngora. Ou aquel “¡Antes puto que gallego!” de Lope de Vega.

Como nos ven versus como nos vemos. Ese podería ser o dilema, e digo podería porque podemos alporizarnos, razóns non nos faltan, mais creo firmemente que, para os nosos intereses, para o noso presente e para a construción do futuro que queremos, importa menos a percepción que España ten de nós que o que sentimos galegas e galegos sobre nós propios. Negámonos? Ou estamos orgullosas da nosa historia, do que somos, de onde vimos? 

Sentímonos orgullosas dese pasado que comezaron a construír os mártires de Carral, Rosalía de Castro, as Irmandades da Fala hai pouco máis de cen anos? Contra o centralismo, contra España e a súa percepción de nós e contra o seu intento de sometemento e o seu asoballamento “Pobre Galicia non debes chamarte nunca española...”

Corría o mes de santos de 1918 e xúntanse en Lugo as xentes das Irmandades da Fala e proclaman aquilo de “Nós nomeámonos de oxe pra sempre nazonalistas galegos” e deciden facer un Manifesto, un auténtico programa para gobernar este país:

E aquí enuncian as súas prioridades: 

Igoaldade de dereitos pr-a muller (si, habería que esperar aínda máis de 13 anos para que a República Española recoñecese o dereito ao voto das mulleres) 

Ou aquilo tan fermoso e anovador como “Proclamar a soberanía estética da Nazón Galega”. 

Sentímonos orgullosas dun pobo que en multitude saía á rúa a clamar, a berrar Nunca Máis? Un pobo que demostrou que non era un pobo submiso, que xa se tiña enfrontado ao cacique de quenda ou á garda civil e que cando cómpre berra contra impostos inxustos ou contra quen quere roubar o que é seu e sae á rúa, a berrar e pelexar, para denunciar as leis inxustas ou os gobernos inoperantes.

Sabiamos dese pasado, con acertos e con erros, con batallas gañadas e perdidas mais sempre coa cabeza alta. Contamos a nosa historia? Gabámonos dela?

Debemos berralo alto e claro, sentímonos orgullosas por un presente que construímos cada día loitando contra imbéciles e escuros, e xa o sabedes, non me refiro só aos de fóra, que os hai, claro, senón aos de dentro que impiden, cada día por acción ou por omisión,  construír unha Galiza feminista e de progreso, onde caiban todas as galegas e galegos. Mais sobre todo orgullosas porque temos fe absoluta no futuro deste país. Este país cheo de xente traballadora, que se sabe un país rico e con moito talento. E onde, é verdade, sentimos máis fachenda por ser profundas que por ser superficiais. 

É o momento de pórse en pé, de erguer o puño e berrar que somos galegas conscientes e que sabemos da nosa valía, conscientes da nosa resistencia e das nosas fortalezas, que imos facer valer o noso. Só precisamos vernos, entre nós, con toda a forza e a capacidade...

E desde Vía Galega continuamos a defender fronte ao que nos negue que Galiza é unha nación e que temos dereitos. 

Escollo para rematar un texto de hai cen anos de Xoán Vicente Viqueira

Canto máis lonxe da terra máis galego son! Non foi en París, en Berlín e en Londres onde máis chorei a nosa decadencia? Era que alí sentía o que podiamos valer. Os nosos chamados cosmopolitas teñen que aprender a ollar para o mundo! Daquela faranse galeguistas.

Ollar o mundo desde nós e sentir o que podemos valer. Aí está a resposta, tan preto, tan fácil. 
 

Comentarios