Opinión

Co entusiasmo que esperta no ánimo o Sentimento da patria

"Como unha árbore ha ser a nosa galeguidade. Raíces afincadas, profundando, se alimentando na propia terra; máis coa fronda ao ar, acollendo todos os ventos do mundo, prodigando sombra e froito a todos os homes de mundo".

Jenaro Marinhas del Valle

Vía Galega vén de presentar hai pouco máis dun mes a campaña para divulgar e promover o uso dos nosos símbolos nacionais.  É un campaña de galeguidade, de orgullo do propio, para encher as fiestras e os pulsos, os automóbiles e os corredores, as festas e as romarías… coa nosa bandeira e co noso himno.

Dicía hai máis de cen anos Ramón Cabanillas:

Ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!

Ao pé do que nos simboliza berremos pola liberdade da nosa Terra, berremos alto e forte: "A nosa terra é nosa". Diciamos hai unhas décadas: "E non de Fenosa". Hoxe sería Naturgy, Iberdrola, Grenalia, Acciona... Cambian os nomes mais non cambian os poderosos que como se dunha tarta se tratase repártense o país roubándonos o futuro e expulsando cada ano a miles de mozas e mozos á emigración. Berremos alto e claro que non queremos ser os produtores de enerxía para Madrid, que é o burato que todo o traga, porque eles son como os vampiros, xa sabedes, como cantaba o Zeca Afonso: "Eles comem tudo e não deixam nada".

Por iso Vía Galega, con esta campaña pretende contribuír de xeito decisivo a popularizar, difundir e divulgar os nosos símbolos nacionais –o himno e a bandeira–. Coñecer a súa historia e o seu significado é básico para exercer a nosa galeguidade, ese xeito de ser galegos e galegas no mundo, para reivindicar e esixir os dereitos nacionais de Galiza, os nosos dereitos como pobo; solución xustas para a nosa pesca de fondo, que non se decida lonxe de aquí, sen defensa posible, quen e como pode pescar, prohibindo pescar aos nosos mariñeiros e enchendo logo de peixe, procedente moitas veces de países que amparan a pesca ilegal, os nosos mercados. É a defensa da nosa soberanía, dos nosos intereses, xa falemos do agro ou da industria, das liñas de ferro ou da tarifa eléctrica galega...

Por iso temos que reaxir contra o proceso de colonización que nos nega berrando o orgullo do que somos, do que fomos e do que queremos ser, porque será ese berro na defensa dos dereitos colectivos que como nación nos pertencen os que logo imos concretar na defensa dos montes, do medio mariño, do tren de proximidade ou contra a precariedade laboral a que nos empuxan.

Desde Vía Galega entendemos que esta campaña vai servir para fortalecer a nosa autoestima, porque canto maior sexa ese sentimento de galeguidade máis avanzará a conciencia nacional para acadar a soberanía plena.

Quen debería estar á fronte da reivindicación do uso dos símbolos nacionais fai deixación de funcións, cando non persegue a quen amosa unha estreleira, por iso denunciamos o desleixo e o desprezo da Xunta de Galiza para todo o que nos recoñece e identifica como pobo. E se quen nos goberna posterga sempre os intereses de Galiza fronte aos seus intereses partidistas ao servizo do españolismo máis rancio teremos que ser a sociedade civil quen collamos con toda a forza a defensa dos nosos símbolos. Lembrades o que cantaba Fuxan os ventos? "Se non tedes sachos traémolos nós". Traballaremos entón para reafirmar que somos unha nación e que temos dereitos.

Nesta campaña, Vía Galega, desenvolverá diferentes actos de afirmación patriótica arredor da nosa bandeira entre o 14 e o 19 de novembro, coincidindo co aniversario da I Asemblea Nacionalista, e o sábado19 de novembro, ás 11.30 horas, unha acción expansiva para izar a bandeira en múltiples puntos de Galiza.

Axudádenos a espallar esta convocatoria. Obrigadas!

Comentarios