Opinión

Asimilación até nas ABAU

Nestes días pasados tivemos visita e soubemos que na Galiza nos sobran as competencias. Non queremos máis autogoberno, o que queremos –seica iso é o xusto, bo e necesario– é que a mocidade galega teña a mesma proba de avaliación de bacharelato para acceder á universidade (ABAU) que o alumnado de Murcia.

Non esiximos máis bolsas para o alumnado ou máis financiamento para as nosas universidades. O que a nós nos convén é que o xefe da oposición en España decida que as autonomías gobernadas polo PP, entre elas Galiza, teñan unha ABAU común. Xa o dixo en Compostela a plana maior de Xénova –Ayuso e Feijóo–:  "A ABAU común é a  igualdade e a equidade dos españois". Mais non vos preocupedes, que a continuación xa Rueda puntualizou: "Agardo que se entenda que hai peculiaridades que deben de ser respectadas". Vaia, que o exame de galego podemos decidilo aquí. 

Estas intencións recentralizadoras atentan contra a autonomía de Galiza e das universidades porque todo parece indicar que pretenden deixar fóra estas últimas que teñen un papel relevante nas probas de acceso. Semella tamén esquecer Xénova que hai unha parte dos currículos de bacharelato que os definen as comunidades autónomas. Ou é que imos renunciar a que Galiza fixe 50% do currículo de bacharelato?

Non esquezamos tampouco a complexidade que supón a elaboración, custodia e corrección destas probas. Coordinar isto a nivel do Estado ou con outras once CCAA non sería posíbel tecnicamente, e así o manifestaron, non hai moito, os representantes da CRUE, a conferencia de reitores das universidades do Estado español.

Se de verdade lles preocupa a equidade que garantan que unha alumna do Bolo ou de Sobrado teña as mesmas posibilidades que unha alumna dunha cidade. Que sexan cales sexan os ingresos e os estudos da túa familia, as posibilidades de chegar á universidade sexan as mesmas, ou que fixen a vista nunha das principais desigualdades: a diferenza de cualificacións do alumnado de centros privados e concertados co alumnado de centros públicos.

Comentarios