Opinión

Ano novo, vida nova?

É este un momento do ano no que sempre nos marcamos retos a cumprir. Parece a mellor época para avaliar as dificultades e establecer traballos e metas posibles. Desde Vía Galega traballamos para saber interpretar adecuadamente os problemas que sufrimos derivados da subordinación ao estado español, mais tamén para ocuparnos, sen descanso, nos avances que precisamos. Hai moitos e graves problemas, sabémolo, e desde logo un deles é o da lingua, o do status do noso idioma mais tamén o do uso. Vimos de saber, hai apenas un par de semanas, que por primeira vez na historia o castelán supera o galego como a lingua máis falada na Galiza. Cómpre entón lembrar que a substitución da lingua propia por outra traída de fóra é sempre consecuencia dun proceso de colonización política. A historia demóstranos que cando o noso país foi máis forte e poderoso, a nosa lingua era plenamente normal.

É este ano que comeza un ano de centenarios que non debían pasar desapercibidos nin ser lembrados como un ritual de pasou o día pasou a romaría, porque mirar a ese pasado de 1923 pode valer de panca para saber máis de nós propios e para ser conscientes de que as nosas arelas, e as nosas necesidades, veñen de lonxe.

Celebraremos en febreiro o centenario da morte de Murguía, a quen tan ben lle acae esa definición de construtor da nación. Nos Xogos Florais de Tui, de 1891, dicía isto: "O capítulo das queixas medio esquecido, pero vivo e inaccesible o dos dereitos que nos cómpren  [...] E o primeiro o noso idioma.
[...] o galego, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que pois somos un pobo distinto debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos, e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nós todos". 

Tamén neste 2023 lembraremos o centenario das Escolas de Ensiño Galego, a iniciativa galeguizadora pioneira das Irmandades da Fala. Hai escasamente un mes soubemos dun estudo da Real Academia Galega no que constataba que o sistema educativo é un axente desgaleguizador. Hai cen anos, escribían isto n'A Nosa Terra: "Non ll-abonda a Galicia qu-os seus fillos seipan lêr i-escribir. Galicia percisa qu-os seus fillos lean i-escriban n-a sua Fala para qu-a sintan; qu-estuden n-a sua Xeografía para qu-a coñezan, e coñecéndoa quéiran-a; que lles digan das grorias d-os seus homes para honral-os; que beban nas fontes da sua Tradición, da sua Cultura e da sua Arte para qu-as continúen sin influenzas alleas e que seipan pol-a sua Historia dos aldraxes e das persecuciós de que foi vítima". E aquí seguimos cen anos despois, con iniciativas galeguizadoras tan interesantes como as Escolas Semente, mais padecendo un goberno que nas súas leis e no seu día a día contribúe de xeito tan nefasto a este proceso de desgaleguización das crianzas.

Lembraremos igualmente o centenario do primeiro pacto Galeuzca (tamén denominado Tripla Alianza), selada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona, por nacionalistas galegos, vascos e cataláns. Este pacto, tan estudado e divulgado por Xosé Estévez, que apostaba directamente pola independencia e procuraba o recoñecemento internacional da Sociedade de Nacións, para as tres nacións sen estado, podería ser tamén o espello no que mirarnos.

E outro dos centenarios que celebraremos é o do Seminario de Estudos Galegos, unha empresa científica xigantesca, que fixo posible a investigación sobre o noso mais tamén sendo plenamente consciente do valor da nosa lingua. Isto escribía o seu primeiro presidente, un tan pouco nacionalista como Portela Valladares, en 1923 na revista Nós: "Cada libro de especulación e de ciencia que saia en galego será un bloque que se poña para o futuro do idioma".

Son moitos e graves os problemas que a subordinación da nosa nación sofre -económicos, sociais, políticos, e o da lingua non é menor-, mais aínda estamos a tempo de reaxir, de esixir futuro para a nosa lingua. Será este 2023 o 'Ano novo, vida nova'? Fagámolo posible.

Comentarios