xoves 28.05.2020

A lingua e nós

“A historia do idioma galego é a historia mesma de Galiza” (Carvalho Calero)

Desde Vía Galega son moitos os aspectos da nosa realidade que son básicos para nós, e o da lingua -un dos alicerces que nos define como galegas e galegos, xa que como dixo Castelao: se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma-, é un dos motivos de gran preocupación.

O galego dispón dunhas condicións de partida envexábeis por calquera lingua que non conte cun estado propio: pertence a un sistema lingüístico de proxección internacional, é entendida pola práctica totalidade da poboación, non presenta grandes dificultades para a fácil incorporación de novos falantes polas raíces románicas comúns coas linguas da súa contorna, mais, por outra parte, presenta tamén síntomas moi preocupantes a respecto do seu futuro e, o principal, é cada vez menos falada pola xente moza. É fácil constatar que estamos en franco retroceso no que atinxe á forte caída de falantes nas xeracións máis novas e cómpre virar a tendencia. Con moita urxencia, aquí non temos todo o tempo do mundo. Tampouco o galego acaba de penetrar en ámbitos sociais de especial relevancia, mundo da empresa, do comercio, das novas tecnoloxías etc.

A situación é de emerxencia porque non é bo o presente e inquiétanos terribelmente o futuro. Por iso, cómpre superar os obstáculos que impiden que o galego poida situarse nunha posición de normalidade. Precisamos do activismo social para esixir que os nosos dereitos lingüísticos como pobo se respecten, mais incluso os dereitos individuais non son respectados e as normas que así o indican son só un brinde ao sol se non van acompañadas de obrigas para a Administración en todos os ámbitos.

Por iso, con moita urxencia, debemos rectificar, inverter a tendencia e facer efectivo un proceso de normalización. Normalizar significa que non se lexisle na súa contra, que non se planifique a exclusión do galego de determinados ámbitos, que non teñamos que padecer o desleixo de quen nos goberna, que, en definitiva, o galego sexa un idioma normal e xeral en todas as esferas da vida pública e social. Para conseguir este obxectivo, precísase unha reforma do marco xurídico-político, necesitamos lexislación que, entre outras cousas, en materia lingüística, recolla:

A lingua orixinaria e propia de Galiza é o galego. Esta declaración non pode ser só simbólica, Na actualidade, a consideración do castelán como lingua oficial leva consigo o dereito de usalo e o deber de coñecelo que lle garante o artigo 3 da constitución española “El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla”. Os poderes públicos de Galiza non poden consentir un menor status legal para o galego, a non ser que queiramos que este sexa estranxeiro na súa patria. Os cidadáns e cidadás da Galiza deben ter a obriga de coñecer e o dereito de usar o idioma galego.

Cómpre fixar a oficialidade real do idioma en todas as empresas públicas e privadas que ofrezan servizos á cidadanía galega, cando traballen coa Administración, atendendo os cidadáns galegos en galego e respectando o dereito das traballadoras e dos traballadores a usar o galego. 

Cómpre tamén interiorizar e ter nitidamente claro a conexión da cuestión lingüística coas decisións económicas e políticas porque na lingua está o maior potencial de desenvolvemento futuro, o pobo que defende a súa lingua é un pobo orgulloso de si mesmo e polo tanto un pobo capaz de prosperar e crear riqueza. O berro é “precisamos do galego” e cómpre, tamén, non esquecer que a substitución da lingua propia por outra traída de fóra é sempre consecuencia dun proceso de colonización política.

En Vía Galega partillamos con moitas asociacións a firme convicción de que lingua e nación galegas van indisolubelmente unidas e que polo tanto o futuro de Galiza está intimamente unido ao futuro da súa lingua. Preservar o idioma convértese así no primeiro deber para coa nosa historia, para con nós mesmos, para con Galiza.

Teñámolo en conta cando o 12 de xullo vaiamos votar.

comentarios