Opinión

A loita feminista sobre un taboleiro de xadrez

Esta semana o noruego Magnus Carlsen arrebatoulle o título de campión do mundo de xadrez ao indio Anand. A noticia pasou desapercibida na prensa pero a min sérveme de escusa perfecta para falar dun espazo máis no que a muller segue a ser invisible e discriminada. 

Esta semana o noruego Magnus Carlsen arrebatoulle o título de campión do mundo de xadrez ao indio Anand. A noticia pasou desapercibida na prensa pero a min sérveme de escusa perfecta para falar dun espazo máis no que a muller segue a ser invisible e discriminada. 

"Non podía ocultar a minha felicidade e ao mesmo tempo miraba estupefacta a aquel home que rosmou unha frase que xamais esquecerei. “Non me creo que perdese contra unha muller”. Contra unha muller! "

A xente sorpréndese cando lle conto que o xadrez, a pesar de estar baseado no intelecto, é un xogo machista, dos máis machistas que conhezo, no que se compite en dúas categorías, unha absoluta, na que pode participar quen o desexe; e unha feminina, parcela reservada para que as mulleres tenhan a oportunidade de comerse algo, xa que nunca acadarán o nivel dun home ante un taboleiro. Non pretendo ser sarcástica con este último comentario. Esta é por desgraza a realidade, e así mo fixeron sentir centos de veces na minha vida.

Haberá quen vos diga incluso que tal machismo non existe, e que o da categoría aparte é “discriminación positiva”. Por ser a cousa tan profunda e sutil, faise máis dolorosa e tamén máis difícil de erradicar. 

Recordo como sendo moi pequena ganheille unha partida a un senhor que se cabreou moitísimo. Eu non podía ocultar a minha felicidade e ao mesmo tempo miraba estupefacta a aquel home que rosmou unha frase que xamais esquecerei. “Non me creo que perdese contra unha muller”. Contra unha muller! Que non contra unha cativa. A aquel home non lle doía perder contra unha persoa sen experiencia e á que seguramente lle cuadriplicaba a idade, o que lle ofendía era perder ante unha muller. Eu, unha muller. 

Ata que nos anos 90 apareceu unha rapariga húngara, Judit Polgar, que rachou coa supremacía masculina sobre os 64 escaques e puxo o mundo do xadrez patas arriba, dábase por feito que ningunha muller podería nunca ser mellor que un home. Incluso as que o intentaban eran disuadidas para que non perdesen o tempo e se dedicasen a outras disciplinas máis axeitadas e nas que tivesen algunha oportunidade de destacar. 

Disto non fai tanto, repito, e por desgraza a cousa non cambiou demasiado dende aquelas. Os torneos femininos ganharon adeptas pero o nivel entre homes e mulleres segue a ser abismal. Tampouco existe un verdadeiro debate ao respecto, e incluso Grandes Mestres internacionais hoxe en día dan por feito que as mulleres xogan peor polo mero feito de ser mulleres, e que nunca acadarán o nivel do xadrez masculino.

"Na lista dxs cen mellores xadrecistas da historia só hai un nome de muller, outra vez Judit Polgar".

É un feito indiscutible e irrefutable que vos demostrarán con datos obxectivos: na lista dxs cen mellores xadrecistas da historia só hai un nome de muller, outra vez Judit Polgar. E incluso moitas xadrecistas mulleres que compiten na elite como as tamén Grandes Mestras Kateryna Lahno, ou Lela Javakhishvili, asumen e din abertamente que somos peores que os homes ante un taboleiro de xadrez porque “somos máis débiles”. 

Entón, despois de todo isto, temos que admitir que as mulleres xogan peor que os homes ao xadrez!? Non, claro que non! E aquí temos un claro exemplo de como o patriarcado estende os seus tentáculos e nos estrangula sen que saibamos dende onde ataca.

Como dicía hai unha excepción nesa regra e chámase Judit Polgar, unha das mellores xadrecistas da historia (en categoría absoluta) que foi nena prodixio, que bateu records (en categoría absoluta converténdose na persoa máis nova no seu momento en ser Gran Mestre, por exemplo), que fulminou a moitos campións mundiais e que sempre se negou a competir na categoría feminina  porque a  considera discriminatoria e denigrante. 

Polgar  leva anos liderando unha dura batalla case en solitario, a da loita feminista sobre un taboleiro de xadrez e por iso quero aproveitar esta data para dar a conhecer a unha loitadora que ademais foi o meu primeiro referente do feminismo, e que vos animo a que sigades máis de preto, aínda que o xadrez non vos interese demasiado, xa que está en activo, é moi nova, e estou segura de que seguirá facendo historia.

A propia Polgar foi preguntada pola cuestión da segregación e a diferenza de niveis en case cada entrevista e é interesante conhecer a súa visión dos feitos porque Polgar insiste en que a súa excepcionalidade non reside no seu agraciado intelecto senón na educación que tivo e na igualdade de oportunidades da que sempre gozou. 

"Para que haxa moitas outras Judits antes haberá que ganharlle a partida ás institucións deportivas que segregan e marxinan, a quen aposta por adestramentos diferentes, aos sponsors que non apoian ás xadrecistas porque o xadrez feminino vende menos"

O seu pai, que foi tamén o seu primeiro adestrador, estaba convencido de que “os torneos femininos facían que a distancia entre o xogo de homes e mulleres crecese” así que nunca lle deixou participar neles, e o resultado salta á vista. A segregación por sexos non só non beneficia ás mulleres senón que debilita o seu xogo e dá lugar ao que se chama “o xadrez de mulleres”.

Ao igual que hai xadrez de homes e de mulleres, hai adestramentos para homes e para mulleres. Eu recordo como a Federación Galega organizaba concentracións en Pontevedra nas que as rapazas adestrábamos cos rapaces dunha categoría inferior, en lugar de facelo cos da nosa idade, suponho que porque a algún iluminado pensou que o noso nivel era tamén inferior. Machismo institucionalizado.

Alomenos eu podo dicir que os meus adestradores persoais nunca me discriminaron por ser muller, nin me trataron de xeito diferente, non así as Federacións. Se cadra só tiven sorte.

Aínda así, a afortunada que chegue a competir profesionalmente atoparase máis baches no caminho. Por unha parte, as xornadas de adestramento son moi longas, e máis en temporada de competición onde poden chegar a ser de dez horas diarias. Moi poucas mulleres poden dedicarse a tempo completo ao xadrez e menos aínda se pretenden concílialo coa súa vida familiar. Ata Judit Polgar tivo que retirarse durante tres anos da competición porque foi nai dúas veces, e iso custoulle caer ata o número 46 na clasificación mundial.

Pero incluso as que disponhen de tempo e chegan a estar no máis algo tenhen moitas dificultades para atopar patrocinadores comerciais, ou apoio institucional, como as propias federacións deportivas que seguen marxinando sistematicamente ás mulleres.

O campión do mundo Bobby Fisher foi a persoa máis nova en converterse en Gran Mestre no seu momento, con tan só 15 anos. El pensaba que as mulleres somos menos intelixentes e que nunca chegaríamos a acadar o nivel dos homes. Tiveron que pasar trinta anos ata que alguén lle arrebatase o record, e foi unha novísima Judit Polgar, UNHA MULLER. Que deliciosa ironía.  Judit ten unha filla e un fillo, o cativo non xoga ao xadrez, ela comeza a destacar. O tamén campión mundial Gary Kasparov foi detido hai dous anos nunha manifestación en apoio ás Pussy Riot. E hai máis exemplos. Algo parece que vai cambiando. 

Pero a batalla pola igualdade sobre un taboleiro de xadrez parece que será longa. Para que haxa moitas outras Judits antes haberá que ganharlle a partida ás institucións deportivas que segregan e marxinan, a quen aposta por adestramentos diferentes, aos sponsors que non apoian ás xadrecistas porque o xadrez feminino vende menos e a calquera que dubide da igualdade da muller sexa ante un taboleiro ou en calquera outro espazo.

Comentarios