Opinión

O voto de protesta que deixou o Reino Unido fóra da UE

Cando o pasado febreiro Cameron chegou a Bruxelas para negociar as reformas específicas para avogar por una permanencia na UE levaba na man un punto canto menos controvertido: prohibir completamente o envío de prestacións aos fillos de inmigrantes que viven fóra do territorio británico. Non, non era una medida solidaria e xusta. Non. Era una medida insolidaria, inxusta e con dubidosos fins integradores e tolerantes. A Unión Europea dixo non. Un non rotundo. Ao final a negociación resultou en que o Reino Unido, de quedar na UE, seguiría pagando, pero os pagos faríanse en función do costo de vida nos países de orixe dos inmigrantes. Esta negativa de Bruxelas, sen embargo, transformouse no discurso perfecto para a extrema dereita inglesa que liderou a campaña polo Brexit. Estas mensaxes chegaron á sociedade envelenadas con ideas xenófobas e racistas ben acollidas dunha banda pola xente de maior idade que aínda soña co rexurdir do imperio británico e doutra, polos grupos sociais máis desvaforecidos e marxinados socialmente.

O Reino Unido non é o mellor exemplo de integracionismo. Nin na Unión Europea, onde sempre se mantivo nun segundo plano, nin no seu propio país. Foi esa insolidaridade a causante, no fondo, duns resultados que dividiron o país en dúas metades difíciles de reconciliar. O país quedou dividido entre o grande grupo que forman o establishment e as clases medias, e os grupos socialmente máis desfavorecidos, principalmente no norte do país. Esa continua marxinalidade foi a que levou a eses cidadans a alzar a súa voz e castigar duramente a un establishment que os anula socialmente. E os resultados amosaron claramente que no Reino Unido unha parte da sociedade vive marxinada pola outra parte. En abril de 2013 un ambicioso estudio, auspiciado pola BBC coa colaboración de expertos da London School of Economics e a Universidade de Manchester. concluíu que no Reino Unido “o 15% dos cidadáns debe loitar día a día pola pura supervivencia, absolutamente dependentes das axudas públicas, sen cartos, estudios ou calquera tipo de interés cultural”.  O pasado xoves alzaron a súa voz para sacudir o país.

Un Brexit froito da marxinación social

Os resultados do referendum reflectiron a 'fartura' desta parte da sociedade británica. A xente que alzou maioritariamente a voz para sacar ao país da Unión Europea foron, segundo YouGov, ademais dos maiores de 65 anos (60%), a xente con baixo nivel educativo (66%). Tamén hai, por suposto, xente cunha idea formada sobre o que é a Unión Europea entre os votantes do leave, pero son os menos. Un mes antes do referendun o escritor, historiador e xornalista británico, Owen Jones, autor do libro Chavs, a democratización da clase obreira, xa avisaba nunha columna no The Guardian de que a extrema dereita e os movementos filo-fascistas británicos estaban a envelenar a clase traballadora máis desfavorecida do norte do país con mensaxes erróneas e falsas pedíndolles o voto polo Brexit e aproveitándose da súa falta de coñecementos. Xa nese momento vaticinaba unha vitoria do leave argumentando que por primeira vez eses grupos marxinales tiñan voz no país. E non, non se equivocou. Cada un dos seus razonamentos son a mellor explicación para os resultados que se deron o pasado xoves 23 de xuño no Reino Unido.

O país quedou dividido entre o grande grupo que forman o establishment e as clases medias, e os grupos socialmente máis desfavorecidos, principalmente no norte do país

O problema ao que se enfrenta agora o país, en palabras do propio Owen Jones é do -polo de agora- líder do partido laborista, Jeremy Corbyn, é a un futuro incerto en materia de dereitos sociais e laborais. Este novo escenario será liderado pola parte máis extrema do partido conservador despois da dimisión de Cameron. E eles, o partido laborista maioritariaente, temen que os dereitos en materia laboral que os británicos gañaron nos últimos anos, moitos grazas a directivas europeas, poidan desaparecer. E, dese xeito, as diferencia sociais existentes poidan facerse aínda máis grandes e crear unha fenda difícil de salvar nos próximos anos. 

Unha Unión Europea en crise

A Unión Europea é un modelo, en moitos ámbitos, caduco e necesitado de reformas que amosen unha maior solidariedade por parte dos estados membros. A nefasta xestión da crise dos refuxiados e a incapacidade de resolver os problemas económicos dos estados membros creando un modelo máis solidario e equitativo fixeron nacer en Europea moitos movementos críticos co futuro da UE e incluso debates sobre a súa conveniencia. Porén, como digo, o sucedido no Reino Unido dista moito de ter un lectura neste senso. Os ingleses e galeses (en Escocia e Irlanda do Norte a vitoria do stay gañou maioritariamente) votaron leave nun exercicio de narcisismo. Non queren máis Europa, non queren inmigrantes deixando os seus fillos sen futuro e queren, sobre todo, devolverlle ao país, en palabras da campaña do Brexit, a súa “grandeza”. Segundo Google Trends a primeira pregunta no ranking do venres en Google foi “Que significa saír da UE?”, seguido dun “Que é a UE?” e de “Cantos países forman a UE?”, o que dá unha idea do descoñecemento que gran parte da sociedade británica ten da Unión Europea. 

Os ingleses e galeses (en Escocia e Irlanda do Norte a vitoria do stay gañou maioritariamente) votaron leave nun exercicio de narcisismo

Este referendum amosou, ademais da clara división entre UE si e UE non, outras grandes divisións ás que se enfronta o país. Á xa comentada fenda existente entre o mundo marxinal e desamparado formado polas clases obreiras máis desfavorecidas do país, apartadas dos debates públicos, e o establishment e a clase media, líder do debate público, habería que engadir unha grande diferenza xeracional entre os maiores de 65 votando en masa por saír da UE e a xente nova loitando por seguir na UE (o 73% da xente nova entre 18 e 24 votaron quedar na UE). Por último, os resultados deixaron un debate entre dous bloques, os ingleses e os galeses por un lado e os escoceses, irlandeses do norte e londineses por outro. Un debate que de seguro rematará con Escocia como estado independiente nos vindeiros anos.

O único claro até o de agora é que o Reino Unido cun novo primeiro ministro, saído do congreso nacional do partido conservador en outubro, terá que pedir oficialmente a saída da UE. Unha vez comezado este proceso xa non haberá marcha atrás e, probablemente, en menos de dous anos será de facto un dos denominados países 'terceiros'. O que pasará a partir de aí é unha grande incógnita nas mans dos británicos. Deles depende non converter o país nunha especie de 'cidade sen lei' para os movementos máis extremos da dereita británica. 

Comentarios