Opinión

Vitorias que son medios soños

Di Berizzo que imaxinou a dificultade do partido contra o Real Madrid. E imaxinouna ben. Imaxinou un partido no que lle ganou a partida táctica a un Zidane ao que semella que, por fin, a realidade do fútbol estálle a estoupar na cara. E digo que lle está a estoupar porque até o de agora o francés vivía nunha idílica lúa de mel gañando partidos sen ofrecer, en moitos casos, virtudes destacadas no terreo de xogo. O Celta deulle o mércores una boa dose de realidade futbolística na súa casa e perante ao seu público. E, de paso, mandoulles unha boa dose de 'deberes' para o mércores que vén en Balaídos.

Non esperaba o Madrid ter un revés no seu camiño cara un título 'fácil' da tempada pero non contaban con que o Celta tamén quere xogar. Andaba a prensa de Madrid nas horas previas do partido máis preocupada por Orellana e as súas historias extra deportivas que por pensar en como o Celta chegaría ao Bernabéu. E ao final o equipo supostamente 'descentrado' deulle ao Madrid unha cura de humildade tal que terá que traballar arreo para sacar algo positivo do partido de volta e non quedar eliminado. Partido no que só cabe o cheo en Balaídos. A afección ten que ser un elemento fundamental na ilusionante idea de estar de novo nas semifinais de copa un ano despois. Non é utópico, Balaídos é a casa do celtismo e onde, si ou si, temos que amosar a superioridade de xogar na casa.

Non hai nada feito. Non nos confundamos, o equipo precisa de cada un de nós para facer desta victoria unha realidade e un soño

Ao Real Madrid só lle vale gañar por dous goles de diferenza pero o Celta non pode permitir que o Real Madrid chegue a situación de darlle volta á eliminatoria porque amosou que sabe como xogarlle e como paralo. A sorte dos goles que non entran é sempre algo a ter en conta pero o xogador número 12 compensará a falta de calidade con berros e berros que leven o equipo cando as forzas franqueen. Non me valen as medias tintas, o de que non vou porque case está feito, ou porque a ola de frío non me deixa ou porque me pica un dedo do pé. Non hai nada feito. Non nos confundamos, o equipo precisa de cada un de nós para facer desta victoria unha realidade e un soño. O mércores en Balaídos queda o segundo e definitivo round, o soños están para cumprilos. Soñemos.

Comentarios