Opinión

A vitoria soñada do Celta

Preguntábanlle a Sergio Álvarez ao rematar o encontro do pasado sábado fronte ao Barça que se non lle daba pena Luis Enrique.

Preguntábanlle a Sergio Álvarez ao rematar o encontro do pasado sábado fronte ao Barça que se non lle daba pena Luis Enrique. “Unha pena loca”, debeu de pensar Sergio no momento. Exteriormente foi máis diplomático, claro. O catoirés, coa súa actuación, daba inicio á semana “simpática” en Can Barça, como a definiu o xixonés en rolda de prensa. Habería que ver se lle preguntaban a Luis Enrique o mesmo se o resultado fose ao revés. Ía chorar de pena por terlle gañado ao Celta. Despois de dúas derrotas consecutivas, o Barça cae á cuarta posición da Liga grazas ao alumno máis aventaxado de Luis Enrique, o Celta, o seu ex equipo e o culpable tamén de que agora estea a entrenar ao Barça. Anécdotas a parte, o Celta de Berizzo chegou ao Nou Camp coa lección ben aprendidiña. Foi chegar, darlle a Luis Enrique da súa propia medicina e traer para Vigo os tres puntos. Traballo rápido e limpo, como os bos profesionais.

O luisenriquismo non morreu, pero co Toto Berizzo no banquiño celeste e, despois do visto en Barcelona, nace o totismo sen paliativos

Unha cousa está clara, o luisenriquismo non morreu, pero co Toto Berizzo no banquiño celeste e despois do visto en Barcelona nace o totismo sen paliativos. Ao bo e elegante xogo do Celta do ano pasado, o arxentino deulle ao equipo a forza, o empuxe e a rabia que lle faltaba. A presión que o Celta exerceu no terreo de xogo o sábado tivo moito de culpa na vitoria final, deixando o centro do campo do Barça aillado, sen case conexión cos dianteiros culés. E ademais conseguiu, co gato de Gatoira on fire, deixar os blaugranas sen marcar un mísero gol despois de 56 partidos inninterrumpidos.

A vitoria soñada do Celta está aínda por chegar. Quedan moitas por vivir e moitos goles por celebrar. Pero, a do sábado fronte ao Barça achegouse moito a ese subidón que che dá cando celebras goles que valen máis que tres puntos. Aínda que o vexas dez veces seguidas segues a deleitarte co pase de calcaño de Nolito e o remate impecable a porta de Larrivey. Unha vitoria tan soñada como real.

Comentarios